As Pontes celebrará a quinta edición da Noite Meiga
O Concello das Pontes ultima os detalles para a celebración da quinta edición da Noite Meiga, unha cita que ten como obxectivo dar a coñecer e recuperar as tradicións que acompañan a esta data tan arraigada na cultura popular galega.
Esta quinta edición celebrarase o venres, 23 de xuño, a partir das 20:00 horas, no Canal IV e inclúe propostas de lecer pensadas para todos os públicos.
Entre as actividades programadas destacan as propostas para o público máis novo, con actividades de animación infantil, nas que se mesturan disciplinas como a maxia, a globoflexia, o teatro e os xogos.
A partir das 22:00 horas, a veciñanza e as persoas visitantes poderán gozar do espectáculo de rúa itinerante, con animación musical e participativo, “A Noite Máxica das Meigas” no que o público será partícipe das lendas e tradicións propias da noite de San Xoán.
A celebración continuará co ritual de acendido da fogueira de San Xoán e, a partir das 00:15 horas, dará comezo a actuación do Grupo Claxxon.
Por outra banda, como en anos anteriores, a partir das 20:30 horas dará comezo unha sardiñada popular, a un prezo de 10 euros por persoa, cun menú que inclúe sardiñas, chourizo, touciño, pan e bebida.
O concelleiro de Cultura, Vicente Roca, anima a toda a veciñanza a gozar da V edición da Noite Meiga, “unha proposta cultural que en poucas edicións se converteu nun punto de encontro da veciñanza que desexaba gozar dunha tradición moi arraigada na nosa vila”.