As Pontes celebrará o día 6 a San Silvestre que aprazou polo mal tempo
O Concello das Pontes celebrará o venres, 6 de xaneiro, San Silvestre Pontesa que se ía disputar o pasado 31 de decembro e que tivo que ser adiada por mor das condición meteorolóxicas.
A carreira, non competitiva, organizada polo Concello das Pontes en colaboración co club de tríatlon local, TriEume, comezará a partir das 17:30 horas e haberá tres categorías: biberón (nenas e nenos nacidos entre 2015 e 2022 ambos incluídos), categoría sub-12 (nenos e nenas nacidas entre 2011 e 2014, ambos incluídos), e categoría absoluta (persoas nacidas en 2010 e anos anteriores)
As persoas que participen na categoría biberón deberán realizar un percorrido de 150 metros mentres que na categoría sub12 o percorrido será de 1.000 metros e as persoas inscritas na categoría absoluta, deberán correr 5 quilómetros (dúas voltas a un percorrido de 2,5 quilómetros). A proba complétase cunha andaina popular de 2,5 quilómetros, para todas as idades.
A saída de todas as categorías e da andaina popular efectuarase desde na rúa Alexandre Bóveda, fronte ao Colexio Santa María, comezando ás 17:30 horas a categoría biberón para saír 15 minutos máis tarde a categoría sub12, comezar a carreira da categoría absoluta e a andaina popular ás 18:00 horas.
Todas as persoas interesadas en participar nesta carreira ou andaina poden inscribirse previamente nesta ligazón e recoller o seu dorsal, o día 6 de xaneiro, a partir das 16:00 horas na carpa situada no patio do Colexio Santa María. Ese mesmo día tamén estará habilitado, no Parque Municipal, un punto de inscrición na proba.
Ao remate da Carreira de Reis e co obxectivo de recuperar folgos, o Concello das Pontes convidará a todas as persoas participantes na proba e andaina popular, a un chocolate quente e roscón de reis.