As Pontes celebrará o Día do Libro durante todo o mes de abril
O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco e o departamento de Cultura, celebrará, ao longo de todo o mes de abril, o Día Internacional do Libro que se conmemora o día 23 deste mes, con actividades para todos os públicos.
Desde o Concello das Pontes, a concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, invita á cidadanía a participar nestas actividades e conmemorar o Día Internacional do Libro, “unhas propostas coas que buscamos promover a formación de lectoras e lectores, que valoren a lectura como unha ferramenta indispensable para mellorar o seu nivel educativo, desenvolver a súa creatividade, sensibilidade e pensamento crítico ao tempo que potenciamos o uso da nosa biblioteca como un espazo cultural acolledor, vivo e ideado para a aprendizaxe, a creación, o coñecemento e o ocio".
O programa arrancará o mércores, 3 de abril cun encontro do club Relendo a Vida, na Biblioteca Municipal, ás 10:30 horas, no que as persoas participantes poderán achegarse ao mundo da literatura infantil e xuvenil. Este club volverá a reunirse o día 17 de abril, no mesmo espazo e hora, para coñecer máis de preto a historia sobre o Día Internacional do Libro.
Así mesmo, o día 3 de abril, ás 20:00 horas, o club de lectura da Biblioteca Municipal reunirase para comentar a novela Cerca del corazón Salvaje de Clarice Lispector.
As actividades continuarán o xoves, 4 de abril, ás 18:00 horas, na Casa Dopeso, ao abeiro do programa Xoves na Biblio, con Cu-Cú, Tas-Tás de Barriga Verde, un espectáculo visual e musical que busca potenciar a atención dos nenos e nenas máis pequenos.
Dentro deste mesmo programa, os xoves 11 e 18 de abril, o público máis novo da vila poderá gozar cos espectáculo Burromaquia de Ignacio Vilariño e O lapis de Martín de Sarabela Teatro, ambas representacións serán ás 18:00 horas, na Casa Dopeso.
A continuación, ás 20:00 horas, na Casa Dopeso, proxectarase o filme Conociendo a Astrid, biopic da escritora sueca Astrid Lindgren, creadora de Pippi Calzaslargas, que acabou converténdose nun fenómeno mundial para varias xeracións de nenos e adultos.
Esta proxección forma parte do videoforum programado polo Concello das Pontes con motivo do Día do Libro, ideado como un espazo de reflexión arredor da literatura e o cine e no que se inclúen os filmes Stefan Zweig: Adiós a Europa, biopic sobre o intelectual austríaco Stefan Zweig, centrado nos anos de exilio do famoso escritor e activista social; Rebelde entre el centeno, filme baseado no libro J.D. Salinger: A Life Raised High de Kenneth Slawenski, sobre a vida do escritor J. D. Salinger durante e despois da Segunda Guerra Mundial e Sueños de una escritora en Nueva York, película que narra a historia dunha moza que persegue o soño de converterse nunha escritora de éxito. As proxeccións serán os xoves 11,18 e 25 de abril, ás 20:00 horas, na Casa Dopeso.
A programación continuará o 6 de abril, ás 20:00 horas, no auditorio municipal Cine Alovi coa representación do obra O Auto do Castromil, de Producións Teatrales Excéntricas, creada a partir de fragmentos de diversas obras literarias de Manuel María como A rebelión dos baúis, O Auto dos simulados da Caravilla, Unha vez foi o trebón, Abril de Lume e Ferro e Entremés da OTAN. As entradas están á venda na web https://aspontes.sacatuentrada.es/ e poderán adquirirse na billeteira do Auditorio Municipal unha hora antes do inicio da función.
Xa o 23 de abril, Día Internacional do Libro, a partir das 18:00 horas, a Biblioteca Municipal acollerá os actos centrais da conmemoración do Día Internacional do Libro, coa entrega de premios da segunda edición do concurso de deseño de marcapáxinas e o concerto Onda Mini de MamaCabra.