As Pontes celebrou unha reunión para coordinar o Plan de Emerxencia da Presa da Ribeira

TerraChaXa
Autoridades e expertos destacan a importancia da prevención e informarán á cidadanía en 2025
Reunión presa da ribeira en as pontes
27 Dec 2024

O salón de actos da Casa Dopeso, en As Pontes, acolleu na segunda semana de decembro unha reunión de coordinación do Plan de Emerxencia da Presa da Ribeira, integrado no Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (INUNGAL).

No encontro participaron representantes de institucións clave como Augas de Galicia, Endesa, a Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, os Bombeiros do Eume e Viaqua. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que esta reunión permitiu avaliar os avances no ámbito da seguridade da presa e preparar os seguintes pasos para informar á poboación sobre as medidas do plan.

Entre os anuncios destacados, o alcalde indicou que no primeiro trimestre de 2025 se organizarán encontros informativos con entidades veciñais para divulgar o plan, os seus protocolos e medidas de actuación en caso de emerxencia. "A poboación pode estar tranquila: trátase dun plan preventivo que busca garantir a máxima protección ante calquera continxencia", asegurou González Formoso.

O Plan de Emerxencia da Presa da Ribeira, aprobado en 2022, establece tres fases de actuación: preemerxencia, emerxencia e recuperación, asegurando unha resposta organizada e eficaz ante calquera risco potencial. Inclúe medidas para minimizar os danos en vivendas, infraestruturas e servizos esenciais, ademais de protocolos para coordinar os equipos de emerxencia e informar á cidadanía.

0.17032408714294