As Pontes clausura o programa da UNED Sénior

TerraChaXa
As Pontes despediu esta semana a quinta edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade Sénior.
uned senior as pontes
21 Abr 2023

As Pontes despediu esta semana a quinta edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade Sénior na que participaron medio centenar de veciños e veciñas da vila, organizado pola UDC coa colaboración do Concello, contando con financiamento da Xunta de Galicia.

O acto de clausura do Programa de Formación Universitaria para Maiores, celebrado na Casa Dopeso, contou coa presencia da Directora da Universidade Sénior, Dna. Matilde García Sánchez, e maila Concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, Dna. Tania Pardo Cabarcos.

A acción formativa tivo como obxectivo prioritario revalorizar o patrimonio cultural, social e ambiental da zona, concienciar á sociedade sobre a presenza da ciencia no día a día, e recoñecer o valor das disciplinas artísticas a través do coñecemento e as vivencias.

As materias que se impartiron a través de diferentes seminarios pertencían a tres grandes áreas temáticas: Arte e Humanidades, Ciencias Xurídicas e Sociais e Ciencias da Saúde e foron impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, no auditorio da Casa Dopeso, os luns e os martes, de 17:00 a 19:00 horas.

Cada seminario incluíu tres sesións teóricas e unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese da contorna así como unha sesión práctica sobre nutrición.

No módulo dedicado á arte e humanidades, o alumnado achegouse á figura de Michel de Montaigne da man do profesor Alberto Sucasas Peón, fixeron un percorrido pola figura da muller no mar co profesor Raúl Villa Carro e coñeceron máis de preto a figura de Édouard Manet coa profesora Estefanía López Salas mentres que a través do módulo dedicado á ciencia e a tecnoloxía afondaron, co profesor J. Luis Calvo Rolle, no binomio inquebrantable formado por ambas disciplinas, achegáronse á xeobotánica co profesor Javier Cremades Ugarte e coñeceron o que din os fósiles sobre a historia de Galicia da man da profesora Aurora Mª Grandal D’Anglade.

Finalmente no terceiro módulo do programa, dedicado ás ciencias da saúde, da man da profesora Isabel Raposo Vidal aprenderon educación para a saúde desde o exercicio físico, co profesor Miguel Santiago aprenderon a poñerlle cordura á alimentación e o exercicio e finalmente, as profesoras Betania Groba Martínez e Laura Nieto Riveiro abordaron o papel da tecnoloxía na saúde e na vida activa.

Con este Programa, a Universidade Sénior achegouse a case medio centenar de persoas maiores de 50 anos da As Pontes, respondendo as súas inquedanzas e necesidades formativas.

0.19209408760071