As Pontes comeza as Festas do Carme e A Fraga cunha semana de actividades previas

TerraChaXa
Dentro das primeiras propostas culturais destaca a inauguración da exposición 'Unha foto, un poema' e a presentación da revista número 17 da Asociación de Estudos Históricos Hume
FESTAS-DO-CARME-E-DA-FRAGA
10 Jul 2025

O programa das Festas do Carme e A Fraga 2025, que se celebrarán do 11 ao 25 de xullo, con propostas culturais, relixiosas e lúdicas para todas as idades, arranca este venres.

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destacou que as festas arrancan oficialmente o 18 de xullo, co pregón, que este ano estará a cargo da Escola Municipal de Baile Moderno, Danza Clásica e Flamenco, dirixida por Jaime Pablo Díaz. Durante a mesma presentación, tamén se deu a coñecer o cartel oficial das festas, deseñado pola artista pontesa Laura DEcibreiro.

A pesar de que as festas comezan oficialmente o 18 de xullo coa lectura do pregón, as actividades xa empezan unha semana antes, con actividades que xa se están consolidando dentro da programación cultural das festas, como as Noites do Carme, e que serven para achegar a cultura a un entorno renovado e que se presta para este tipo de propostas, como é a Praza de América.

Nesta ocasión amplían a súa programación con respecto á edición anterior; o día 11 de xullo a partir das 21:00h poderemos gozar da proposta da escola municipal de baile moderno, danza clásica e flamenco; o 12 de xullo será a quenda do Certame de Bandas ás 20:00h precedido dun pasacalle ás 19:30h, coas bandas Isabel II de Touro, a Banda de Música de Arca e a Banda Cultural e Recreativa das Pontes.

As Noites do Carme continúan dende o luns 14 ao xoves 17 de xullo, na Praza de América, co III Festival de Acordeóns “Vila das Pontes”; o Festival “Música de Ultramar” no que participarán a Rondalla Vila das Pontes e a agrupación coruñesa “Amizades”; e por suposto tamén haberá espazo para a música tradicional coas actuacións da banda de gaitas da escola municipal de música tradicional e o grupo de baile da escola municipal de baile galego, que farán unha actuación conxunta; e na última xornada das “Noites do Carme” o protagonismo será para as agrupacións tradicionais Canavella, Os Trevillas e No Cómbaro

Dentro das propostas culturais para esta primeira semana tamén destaca a inauguración, o 10 de xullo coa exposición “Unha foto, un poema”. Unha mostra de creación colectiva con fotografías e versos de autores locais, e que poderá verse no patio do Colexio Santa María. Así mesmo, na Casa Dopeso, ata o 24 de xullo, poderá visitarse a exposición “As Pontes Eléctrico” do artista Luis Torrente, dedicada á arquitectura industrial do municipio e o día 11 de xullo ás 19:30h na Casa Dopeso terá lugar a presentación da revista n.o 17 da Asociación de Estudos Históricos “Hume”.

Dentro do programa das festas tamén hai cabida para os máis cativos, e por iso un ano máis volve o “Parque Activo” que este ano adianta a súa programación ao 14 de xullo, e nos xardíns do Campo da Feira ofrecerá xogos, espectáculos e música en horarios de mañá e tarde, cun programa que inclúe propostas como “Circo na casa de MeRe Clown”, “Son Animal” de Paco Nogueiras, ou os contacontos de Brais das Hortas.

O comezo oficial destas Festas do Carme e a Fraga do 2025 terá lugar o venres 18 de xullo, ás 20:30h co pregón, que precederá a un dos pratos fortes da programación cultural deste ano: o concerto do tributo ao grupo Mecano “Hijo de la luna”, ás 22:00h, e a continuación terá lugar a primeira verbena das festas coas orquestras Finisterre e Panorama City.

Xa o sábado 19 haberá pasacalle dende as 11:30h, concerto da Banda de Música, sesión vermú co grupo Antha, e a tradicional Procesión Nocturna da Virxe do Carme ás 21:30 h, cun alto na Praza do Hospital para a actuación da Coral e un espectáculo piro-musical. A noite culminará coa verbena a cargo das orquestras Los Players e Los Satélites.

O luns 21 arrinca o Festival Internacional de Folclore co tradicional pasacalle ás 18:30 horas seguido das actuacións no Pavillón Polideportivo Municipal de grupos de Panamá, India, Eslovaquia, Valladolid e Galicia. Pechará a xornada a verbena coas orquestras Origen e Olympus.

O martes 22 e o xoves 24 haberá actividades infantís e música coas actuacións de Os Trevillas e o Festival A Fraga, con artistas como Nimbosa, Ailá, The Rapants e Señora DJ.

As festas culminan o venres 25 de xullo coa emblemática Romaría da Fraga, declarada de Interese Turístico. A misa de Santiago Apóstolo será ás 12:00 h, seguida da sesión vermú con Louband, o pasacalle dos Festicultores e a verbena final coa orquestra Los Españoles.

⚙ Configurar cookies
0.17951512336731