As Pontes configurou o novo goberno municipal, con Valentín González Formoso á fronte
O Concello das Pontes aprobou hoxe, en sesión plenaria, o funcionamento e a composición da nova organización municipal para os vindeiros catro anos.
Así, o pleno municipal fixou a periodicidade das sesións ordinarias, que se celebrarán cada dous meses, o primeiro mércores de cada mes impar, ás 09:30 horas.
No tocante ao reparto de áreas de goberno, contarase con catro grandes áreas. Antonio Alonso Román será o concelleiro-delegado da Área de Xestión Económica, Planificación Urbana, Servizos á Veciñanza e Recursos Humanos; Ana Pena Purriños será a concelleira-delegada da Área de Industria, Emprego, Seguridade e Atención Cidadá mentres que Elena López Seco será a responsable da concellería de Axenda Urbana, Turismo,Deporte e Promoción Económica e pola súa banda, Tania Pardo Cabarcos será a concelleira delegada da Área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación,
Lorena Tenreiro Blanco asumirá a concellería de Cultura, Xuventude, Innovación e Novas Tecnoloxías, dependente da concellería de Axenda Urbana e Roberto Rivera Rego será o responsable da área de Obras, Infraestruturas, Medio Ambiente e Medio Rural, dependente da concellería de Planificación Urbana
Tamén se nomearon aos tenentes de alcalde, que serán, por orde, Antonio Alonso Román, Ana María Pena Purriños, Elena López Seco e Tania Pardo Cabarcos, así como a composición da xunta de goberno local, das comisións informativas e nomeáronse aos representantes do Concello das Pontes nos diferentes órganos colexiados.
Durante a sesión tamén se designaron aos voceiros dos diferentes grupos políticos. Así,polo PSOE repite Lorena Tenreiro, polo BNG tamén repite Carmela Franco e María Dopico será a voceira do PP.
Asemade, tamén recibía luz verde a asignación económica que percibirán os membros do grupo de goberno. Serán tres dedicacións exclusivas; unha 47 460,11euros, outra de 38 271,49 euros e unha de 36 026,58 euros así como tres dedicacións parciais de 35. 595,80 euros cada unha.
Tamén se aprobaron as retribucións aos grupos políticos e por asistencia a plenos, á xunta de goberno local e comisións informativas e nomeouse un cargo de persoal eventual, con adicación absoluta, que se encargará de tarefas administrativas e vencelladas ao departamento de Obras.