As Pontes conmemora a Rosalía nos Xoves na Biblio
Este venres, 23 de febreiro, conmémorase o Día de Rosalía. Desde a biblioteca das Pontes queren festexar esta data tan sinalada a través de Trémola Teatro, co contacontos A miña historia, dentro da programación de Xoves na Biblio.
O espectáculo céntrase en contar a biografía de Rosalía a través do personaxe dunha xornalista saída do sigo XIX para introducir algúns dos textos máis importantes da autora. Cos libros, a actriz ensinará os textos aos nenos e compartirá algunhas das creacións rosalianas.
O contacontos fai referencia á relevancia de Cantares en relación coas Letras ou ao papel de Rosalía como protagonista do Rexurdimento Galego. Tamén se proxecta a súa figura como muller pioneira do seu tempo, coa inclusión deste tema a partir dun fragmento de Lieders.
A sesión será o xoves 22, ás 18:00 horas na Casa Dopeso. Está dirixida a nenos e nenas a partir de 2 anos con entrada libre e gratuíta.