As Pontes contará con máis axentes da Garda Civil

TerraChaXa
As Pontes contará con máis axentes da Garda Civil, un incremento motivado pola solicitude do Concello por seguridade.
xunta local seguridade as pontes
18 Feb 2023

As Pontes contará con máis axentes da Garda Civil, un incremento motivado pola solicitude do Concello co obxectivo de intensificar as medidas de vixilancia e prevención no municipio.

Así, está previsto un incremento do 20% do cadro actual,  que permitirá realizar unha media de 180 patrullas máis ao ano, segundo expuxo o mando da Garda Civil durante a sesión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade celebrada esta semana, presidida polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso e na que tamén participaron a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, o concelleiro de Seguridade, José Ramón Alonso, concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, a concelleira de Industria, Ana Pena, así como mandos da Garda Civil, do Corpo Autonómico da Policía, da Policía Local e de Protección Civil e representantes das asociación empresariais locais, Cohempo e Seara.

Asi mesmo, o rexedor local apuntou que desde o Concello das Pontes, co mesmo obxectivo, está previsto reforzar o actual cadro de policías locais, integrado por 7 axentes. “Xa está  iniciado o expediente de contratación de tres novas prazas de policía local e ademais daremos continuidade ás contratacións de auxiliares de policía, tal e como fixemos nos anos anteriores.”

Por outra banda, durante está reunión os mandos da Garda Civil expuxeron as cifras de evolución da seguridade cidadá e a convivencia no termo municipal das Pontes así como propostas de medidas para abordar os problemas detectados.

Así deuse a coñecer a tipoloxía dos delitos e a taxa de criminalidade do municipio. Os delitos contra o patrimonio ascenderon a 26 durante o ano 2022, os delitos contra as persoas, entre os que se inclúen delitos de violencia de xénero, foron nove mentres que os delitos contra a seguridade colectiva (incendios forestais e delitos contra a seguridade do tráfico) o número ascenden a 13.

En relación a criminalidade, As Pontes ten una taxa de 13 delitos ao ano por cada mil habitantes, case un terzo da taxa media de criminalidade da provincia e que sitúan a As Pontes como un concello seguro.

0.15684604644775