As Pontes contará con obradoiros de educación ambiental este Nadal
O Concello das Pontes, a través do departamento de Turismo, organiza catro obradoiros de educación ambiental durante este Nadal.
Esta iniciativa ten como obxectivo prioritario promover o coñecemento do medio natural do municipio, permitindo ás persoas participantes compartir coñecementos, descubir e investigar a contorna más próxima, para comprender a riqueza da biodiversidade, e a importancia do coidado e respecto do medio natural.
As actividades comezarán o sábado, 18 de decembro (de 10:00 a 14:00 horas) e voltarán a realizarse os días 26 de decembro (de 10:00 a 14:00 horas) e o 28 de decembro (de 11:30 a 14:00 horas) na contorna do Lago.
As persoas participantes adquirirán nocións básicas sobre as características forestais e medioambientais das fragas atlánticas así como sobre a fauna que habita nelas.Durante estes obradoiros tamén se incidirá na recuperación de espazos degradados, aportando información chave sobre cando e como intervir e as diferentes formas de levar a cabo estas intervencións.
Así mesmo os tres talleres inclúen a creación dun arboretum, a través da plantación -a raíz descuberta e con cepellón- de árbores, arbustos e bagas autóntonas, distribuído en tres sectores.
O primeiro sector estará dedicado á fraga atlántica, o segundo será unha homenaxe á paisaxe agraria anterior á construción da mina coa plantación dun pomar de froiteiras e o terceiro estará vinculado á paixase de recuperación a través da recreación dunha pequena fraga de ribeira.
O domingo, 2 de xaneiro, a partir das 11:00 horas, os tres obradoiros completaranse cunha andaina interpretativa, no tramo da senda da memoria aberto ao público este o verán, na que se explicarán as intervencións realizadas durante os obradoiros de plantación.
As actividades están dirixidas a toda a poboación e desde o Concello indican que as persoas con idades comprendidas entre 8 e 16 anos estarán en todo momento acompañadas por persoas monitoras polo que é preciso que se inscriban, previamente, no teléfono 673 240 434 ou no mail turismoaspontes@gmail.com. As persoas maiores de 16 anos poden participar nesta actividade sen ser precisa inscrición previa.