As Pontes contará cunha oficina comarcal de recadación da Deputación

TerraChaXa
As Pontes contará proximamente cun novo servizo público, unha oficina de recadación da Deputación da Coruña,
oficina recadacion as pontes
11 Mar 2023

As Pontes contará proximamente cun novo servizo público, unha oficina de recadación da Deputación da Coruña, en coordinación cos concellos das comarcas do Eume e Ferrolterra que dará servizo á poboación da vila e aos veciños e veciñas dos concellos da contorna.

A través desta oficina as persoas contribuíntes poderán ter coñecemento dos impostos e taxas que se cobran nos seus respectivos concellos, así como as datas e os prazos previstos no período voluntario e nela delegarase o cobro dalgúns tributos municipais, tales como o IAE ou Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica así como as taxas polas licencias de autotaxa e entradas de vehículos e vaos permanentes, mentres que a oficina de recadación municipal continuará realizando o cobro das restantes taxas e impostos.

Desde o Concello das Pontes apuntan que “a oficina municipal de recadación continuará realizando o seu labor como ata o momento. Sumamos un novo servizo que nos permitirá contar cunha oficina a través da que solicitar fraccionamento de pago, obter cartas de pago, consultar bens obxecto de tributos e taxas e mesmo solicitar plans personalizados de pago de ata 10 meses, sen intereses, servizos, entre outros, que reportan grandes beneficios ao conxunto da veciñanza.”

Así mesmo, recalcan os beneficios económicos que esta nova oficina terá para o Concello xa que lle permitirá aumentar os seus ingresos. “Co sistema actual no Concello, cada ano, quedan pendente de cobro máis dun millón de euros, cifra que se ve incrementada ano tras ano. O ámbito de actuación da oficina de recadación das Pontes é exclusivamente local e non ten competencias para executar todos os cobros pendentes. A nova oficina da Deputación da Coruña, con convenios rexionais e nacionais coa Axencia Tributaria, vainos permitir cobrar os impostos pendentes aumentando o orzamento municipal e posibilitándonos ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza”.

Por outra banda, contar cunha nova oficina de recadación comarcal permitirá axilizar trámites na oficina municipal actual, repartindo a carga de traballo e dando a posibilidade de acelerar o cobro das taxas correspondentes ao servizo de axuda no fogar, tanto en modalidade de dependencia e libre concorrencia o que evitará desaxustes nas economías das familias pontesas.

Tamén apuntan que dos 93 concellos que conforman a provincia da Coruña son preto de 80 as entidades municipais que teñen delegados unha parte dos seus tributos na Deputación da Coruña. "Narón, Betanzos, Cedeira ou Ames, entre outros teñen delegados parte dos seus tributos. Mugardo ven de aprobar a delegación e nas Pontes fixemos o que están a facer todos os concellos da provincia, aproveitar todas as vantaxes que ofrece a delegación parcial de tributos e contar na nosa vila cun novo servizo que se materializará coa apertura dunha oficina de recadación comarcal da Deputación da Coruña."

0.18883514404297