As Pontes contará en agosto coa programación cultural O Mar de Lecer
A proposta cultural e de ocio, O Mar de Lecer, posta en marcha o ano pasado polo Concello das Pontes para conmemorar o décimo aniversario da creación do lago, regresa, a segunda quincena de agosto, a este espazo cunha oferta de actividades ampla, diversa e multidisciplar.
Todas estas actividades son postas en marcha o apoio do Instituto para la Transición Justa (ITJ) e a Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN) a través do programa DinamizartJ co que se pretende xerar unha oferta cultural ampla nos municipios afectados polo proceso de peche de instalacións en zonas de Transición Xusta.
Este programa une a demanda cultural local, actuacións e actividades ofrecidas por novos artistas, programación cultural e contribúe coa oferta turística. Pola súa banda, os novos intérpretes poden atopar en Dinamiz-ARTj unha plataforma para impulsar as súas carreiras artísticas facilitándolles oportunidades profesionais.
As actividades darán comezo o sábado, 19 de agosto, ás 18:00 horas co espectáculo Circando, da compañía Artefeito, que achegará ata o lago das Pontes unha gala de circo, música e maxia na que os números se suceden de forma dinámica e na que o público asistente verase na obriga de non parar de rir.
A continuación, ás 19:00 horas, será a quenda para a agrupación Anís Guateque, unha formación que nace das ganas de baile, de festa e da alegría, integrada por tres percusionistas, baixo, guitarra, teclado e clarinete que se mesturan en diferentes formatos, nun repertorio con tinguiduras cubanas e psicodélicas.
Ás 21:00 horas tomará a testemuña a formación Lora, que despois de actuar por toda Galicia, e nos sitios máis icónicos (Praia de Riazor con Patti Smith e Nathy Peluso, Praza de María Pita na xira nacional de Os40, Festival da Luz teloneando a Luz Casal) chegan coa súa música a As Pontes, cun show dinámico e potente, para bailar saltar e suar a partes iguais.
A programación continuará o domingo, 20 de agosto, ás 18:00 horas, co espectáculo infantil Arbolito y la Abubilla de Ajayu dúo, un conto de creación propia que ten 20 cancións orixinais con música en directo, ritmos e instrumentos de todo o mundo.
O sábado, 26 de agosto, a partir das 18:00 horas, será a quenda para a compañía Triguiñuelas co seu espectáculo Un día co avó, que permitirá á rapazada coñecer as súas raíces e interpretar as cancións que cantaban os seus avós e avoas mentres aprenden e se divirte; un espectáculo no que se mesturan cantos tradicionais infantís con arranxos xoviais e novos.
Seguidamente, ás 18:00 horas, Teatro O Cubo presentará a súa obra Ghop! un espectáculo de teatro de rúa áxil, participativo e cheo de humor. Unha proposta con estética clásica que busca homenaxear aos circos ambulantes que durante moito tempo percorreron as prazas dos pobos e as aldeas. Ghop! ofrece malabares, monicreques, acrobacias, maxia e elementos propios dun espectáculo de variedade.
A programación rematará o domingo, ás 19:00 horas, co espectáculo Cores, Contos e Rock coa Ramona pequena de Pakolas e Laura Romero, unha proposta multidisciplinar que permitirá ao público gozar da música e do debuxo en vivo.
MÁIS ACTIVIDADES
Pola súa banda, o departamento de Turismo última as súas propostas entre as que se atopan o terceiro festival de papaventos ou unha xornada de modelismo naval que permitirá ao público achegarse ao mundo do modelismo e poder ver como sucan as augas do lago, pesqueiros, cargueiros, submarinos, barcos de vela, remolcadores, lanchas rápidas, e patrulleiras de rescate.