As Pontes contará este domingo cunha gala de maxia dentro do programa de Nadal

As Pontes acollerá este domingo, 21 de decembro, a celebración da IV Gala Internacional de Ilusionismo, un espectáculo que reunirá no Auditorio Municipal Cine Alovi unha selección dos números de maxia máis destacados e recoñecidos do panorama actual.
A partir das 19.00 horas, artistas procedentes de distintos países subirán ao escenario para ofrecer unha proposta única, na que o ilusionismo, a creatividade e a sorpresa serán os grandes protagonistas. A gala promete unha experiencia pensada para sorprender a público de todas as idades e deixar unha sensación inesquecible entre as persoas asistentes.
Desde a organización destacan o carácter internacional do evento e a calidade dos números seleccionados, moitos deles premiados en certames de prestixio, o que converte esta cita nunha oportunidade excepcional para desfrutar dun espectáculo de alto nivel sen saír das Pontes.
As entradas para a IV Gala Internacional de Ilusionismo xa están á venda a través da plataforma habilitada polo Concello, e desde a organización animan á veciñanza e ao público visitante a non perder a ocasión de compartir unha noite de maxia en familia.