As Pontes contará este mes de outubro cun ciclo de teatro

TerraChaXa
A programación está composta por catro propostas escénicas de compañías galegas que mesturan distintas linguaxes e temáticas
alovi-as-pontes
2 Sep 2025

O Concello das Pontes porá en marcha, este outono, un ciclo de teatro no Auditorio Municipal Cine Alovi, que se desenvolverá os venres de outubro, do 10 ao 31, ás 20:30 horas, co que o goberno local busca achegar a cultura escénica á cidadanía, con espectáculos que emocionan, removen e nos convidan a pensar, a lembrar e a mirar con ollos novos a nosa realidade.

A programación inclúe catro obras de recoñecidas compañías galegas, con propostas que invitan á reflexión, á emoción e á reivindicación social, cun prezo simbólico de 5 euros por entrada, xa dispoñibles en www.aspontessacatuentrada.es.

A programación está composta por catro propostas escénicas de compañías galegas que mesturan distintas linguaxes e temáticas, dende a memoria histórica ata a crítica social, pasando pola emoción íntima e a reivindicación feminista.

O ciclo arrancará o 10 de outubro coa peza Tromso, da compañía Morraconto; unha viaxe poética e épica que reflexiona en clave de humor sobre a perda e o silencio que deixa a morte. A obra propón un percorrido polos mares do norte en busca de esperanza, nun espectáculo que mestura emoción, humor e beleza visual.

A seguinte semana, o 17 de outubro será a quenda para O dragón de ouro, de Sarabela Teatro; unha potente dramaturxia contemporánea sobre a inmigración, a identidade e as desigualdades sociais, ambientada nun restaurante asiático. A peza entrelaza historias persoais e colectivas, con tons surrealistas e fábulas inseridas que retratan a crueldade e a indiferenza da sociedade europea actual.

Xa o 24 de outubro, chegará ao Auditorio Municipal Cine Alovir a obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro; un espectáculo de gran formato con oito actores-músicos que interpretan música en directo. A obra, baseada en feitos reais, reconstrúe a historia da reconversión industrial na Ría de Vigo a través da vivencia dun traballador dos estaleiros. Un exercicio de memoria colectiva entre o íntimo e o político. A obra recibiu o Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia 2025.

E o ciclo rematará o 31 de outubro coa peza As fillas bravas de Momán, de Chévere; un espectáculo musical e teatral que reivindica o papel da muller na cultura popular galega. Inspirado no cancioneiro tradicional e interpretado tamén en lingua de signos, ofrece unha mirada crítica e festiva sobre a sexualidade, os roles de xénero e a forza das voces silenciadas.

⚙ Configurar cookies
0.22979187965393