As Pontes contra a violencia de xénero

TerraChaXa
Os membros da corporación municipal do Concello das Pontes, traballadores municipais e a veciñanza amosaron esta mañá, durante un acto institucional, organizado con motivo da conmemoración do día da eliminación da violencia contra a muller, a súa repulsa unánime contra a violencia machista.
25 N_As Pontes.
23 Nov 2018

Os membros da corporación municipal do Concello das Pontes, traballadores municipais e a veciñanza amosaron esta mañá, durante un acto institucional, organizado con motivo da conmemoración do día da eliminación da violencia contra a muller, a súa repulsa unánime contra a violencia machista.

A través da lectura dun manifesto a sociedade pontesa tamén mostrou a súa solidariedade con todas as mulleres que sofren, cada día, calquera tipo de agresión e reiteraron o seu rexeitamento contra todas as formas de expresión de violencia sexista que atentan contra o dereito á vida, á seguridade, á liberdade, á integridade, á dignidade e á capacidade das mulleres.

Desde o Concello das Pontes recordaron que as agresións e os comportamentos sexistas non son condutas illadas dalgúns individuos, son parte dun sistema vixente en todo o mundo, que propicia e tolera o exercicio da violencia e a quen a exerce e, só o día en que ningunha muller sufra violencia, en calquera das súas formas, existirá unha sociedade xusta e igualitaria.

Asemade, os membros da corporación municipal comprometéronse a poñer no centro da súa actividade a erradicación de todo tipo de expresións de violencia sexista, realizando un maior esforzo para articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
Nese sentido, durante a lectura do manifesto, fíxose fincapé en que as entidades locais están chamadas a ser un dos actores principais na loita contra a violencia pola súa proximidade á cidadanía, promovendo unha sociedade que non permita, xustifique ou banalice as agresións e as condutas discriminatorias cara as mulleres.

E así, desde o Concello das Pontes díxose NON Á VIOLENCIA que sofren as mulleres polo simple feito de selo e adquiriuse o compromiso de desenvolver, no ámbito das competencias locais e en aplicación da lexislación vixente, unha política municipal activa, integral e coordinada a favor da igualdade e contra a violencia machista, instando á Xunta de Galicia ó cumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral contra a violencia de xénero.

0.17181587219238