As Pontes convoca o concurso de disfraces de Entroido
O Concello das Pontes premiará con case 7.500 euros os mellores disfraces que participen na cabalgata de Entroido que se celebrará o martes, 21 de febreiro, a partir das 17:00 horas.
O xurado terá en conta na súa valoración aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, a calidade musical, a coreografía así como o desenfado na interpretación para outorgar os premios ao mellores disfraces.
No concurso para as persoas adultas (maiores de 14 anos) haberá unha categoría para grupos, na que se diferenciarán dúas modalidades, en función do número de persoas que integren a agrupación. Así, os grupos de máis de 10 persoas optarán a cinco premios de 700, 500, 300, 200 e 100 euros mentres que, entre as agrupacións de ata 10 integrantes repartiranse cinco premios de 500, 400, 300, 200 e 100 euros, respectivamente.
Ademais, o Concello de As Pontes premiará ás cinco primeiras parellas adultas clasificadas con 175, 150, 125, 100 e 75 euros, respectivamente e, na categoría individual, as persoas adultas que tomen a saída no desfile poderán gañar 125, 100, 75 e 50 ou 25 euros se se sitúan entre os cinco disfraces máis valorados polo xurado.
Como en edicións anteriores, As Pontes tamén premiará aos/ás participantes máis novos/as. Deste xeito, na modalidade infantil (nenos e nenas con idades comprendidas entre os 14 e os 7 anos, ambos incluídos) haberá sete premios de 150 euros para os grupos mellor valorados polo xurado. Haberá outros sete premios para as parellas e outros sete premios para os/as participantes na categoría individual, dotados con 75 euros e 50 euros, respectivamente, cada un deles.
Ademais haberá 40 premios, de 30 euros cada un, para os nenos e nenas participantes na modalidade meniñ@s (menores de ata 6 anos, incluídos).
Todas as persoas interesadas en participar no desfile de disfraces poderán inscribirse no Rexistro Xeral do Concello, (cita previa nos teléfonos 667129389/667129380) ou ben a través da sede electrónica municipal (www.sede.aspontes.com) ata o 20 de febreiro. As bases para participar publicaranse nos próximos días.