As Pontes convoca un novo concurso de marcapáxinas polo Día do Libro

TerraChaXa
As persoas participantes terán que amosar nos seus deseños os seus coñecementos ou as cousas que máis lles gusta do Antigo Exipto
descubrindo-exipto-marcapaxinas
14 Mar 2025

O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco convoca a terceira edición do concurso de deseño de marcapáxinas para celebrar o Día do Libro que se conmemora o próximo 23 de abril.

Baixo a lema Descubrindo Exipto, as persoas participantes terán que amosar nos seus deseños os seus coñecementos ou as cousas que máis lles gusta do Antigo Exipto, unha das civilizacións máis importantes da historia da humanidade: un mundo de sabedoría, de misterio, de grandes pirámides e inventos, de culto ao máis aló…

Establécense cinco categorías, segundo nivel educativo, distinguindo unha categoría infantil (de 0 a 5 anos), unha categoría para alumnado do primeiro ciclo de primaria (de 6 a 8 anos), outra para o alumando de segundo ciclo de primaria (de 8 a 10 anos), outra para o terceiro ciclo (de 10 a 12 anos) así como unha categoría para educación especial.

As crianzas que queiran participar neste deberán presentar obras orixinais, inéditas, libres de dereitos de autor e non premiadas noutros concursos (unha única obra por persoa participante) empregando como soporte o modelo que a disposición das persoas interesadas nas instalacións da Biblioteca Municipal e na páxina web do Concello.

As obras deberán entregarse, ata o 15 de abril, nun sobre pechado, indicando no mesmo III Concurso de Marcapáxinas da Biblioteca Municipal, a categoría na que se participa e unha folla cos datos persoais da persoa autora (nome, apelidos, idade e teléfono).

Un xurado, composto por persoal da Biblioteca do Concello das Pontes, así como unha persoa profesional do deseño gráfico, seleccionarán o traballo gañador de cada categoría atendendo a criterios de calidade, creatividade e orixinalidade das obras.

O fallo darase a coñecer o 23 de abril e os premios consistirán en lotes de libros e artigos de papelería. Ademais do correspondente premio, os marcapáxinas gañadores en cada categoría serán impresos, e regalaranse durante todo o ano aos usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal das Pontes.

Todas as obras e os nomes dos seus autores ou autoras serán expostas na Biblioteca Municipal das Pontes a partir do 23 de abril de 2025.

⚙ Configurar cookies
0.89974689483643