As Pontes convocará dous concursos de ideas para rehabilitar a Praza de América e a Praza do Barreiro
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e Ramón Montero Cereijo, en representación da Delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Ferrol, asinaron, esta mañá, no local social da asociación de veciños 25 de xullo, un convenio de colaboración para a convocatoria de dous concursos de ideas, con intervención de xurado, para a rehabilitación da Praza de América e da Praza do Barreiro.
O Concello das Pontes, por medio deste acordo, comprométese a premiar ás ideas gañadoras con 15.000 euros; 7.000 euros irán destinados para a mellor proposta de recuperación da Praza de América e 8.000 euros serán para o mellor proxecto de rehabilitación da Praza do Barreiro, e a conceder 4 accésits, dous en cada concurso, valorados en 1.500 euros, cada un deles.
Así mesmo adquire o compromiso realizar unha consulta previa de participación cidadá para recoller todas as ideas, suxestións e propostas dos veciños e veciñas de As Pontes co obxectivo de incorporalas na redaccións das bases de ambos concurso.
Pola súa banda, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia asumirá a redacción dos pregos administrativos e técnicos do certame e facilitará aos concursantes o acceso á documentación do mesmo e colaborar, activamente, na difusión da convocatoria co obxectivo de dar oportunidade ao sector de participar activamente no desenvolvemento da idea, garantindo a viabilidade dos proxectos.
O COAG comprométese tamén a colaborar na designación do xurado do concurso de proxectos para garantir a presenza de técnicos competentes e de prestixio galego así como a prestar apoio na organización das convocatorias, na deliberación e na xestión telemática das propostas.
O Concello das Pontes, por medio de ambos concurso, busca recoller o maior número de solucións urbanísticas posibles para, deste xeito, poder realizar unha avaliación máis completa e optar, finalmente, por aquelas ideas que mellor se axusten ás demandas da veciñanza, tanto desde o punto de vista estrutural como funcional e estético.
Así mesmo o goberno local quere contribuír, mediante a recuperación da Praza de América e a Praza do Barreiro, a dinamizar a vida social e económica dos espazos nos que se sitúan as prazas dotándoos de maior seguridade e accesibilidade e, ao mesmo tempo promover e incentivar tipo de actividades sociais, deportivas e culturais que, tanto veciños como comerciantes e hostaleiros ou que o propio Concello poidan poñer en marcha.