As Pontes crea un boletín informativo dixital para os veciños
O Concello das Pontes lanza un novo servizo de información, vía e-mail a través do que dará conta da información municipal de interese para a cidadanía.
Lorena Tenreiro, concelleira de Organización Interna e Medios Locais, apunta que “con este servizo de comunicación abrimos unha nova liña de información fluída, inmediata e directa, para mellorar as canles de participación e transparencia das que dispón o Concello. Buscamos reforzar as vías de comunicación coa cidadanía incorporando progresivamente as novas tecnoloxías á nosa disposición”.
Mediante este boletín informativo a veciñanza, que así o desexe, recibirá no seu correo, un resumo informativo das principais das novas das Pontes que lle permitirá estar ao tanto da xestión municipal.
Aquelas persoas que queiran darse de alta neste novo servizo deberán inscribirse a través da web municipal, cubrindo un formulario no que deberán indicar o seu nome e o enderezo electrónico no que desexan recibir esta comunicación.
Tamén poden suscribirse na seguinte ligazón: http://eepurl.com/hCvfl9. O Concello realizará un envío semanal do boletín ás persoas interesadas.
Esta nova vía de comunicación súmase ao sistema de avisos vía whatsapp, que desde a súa posta en marcha a comezos do mes de xuño, suma preto de 700 subscritores/as.
A newsletter complementa este servizo de alertas informativas diarias con información sobre as actividades e proxectos postos en marcha desde as diferentes concellerías, contidos de carácter institucional , contidos de alcaldía, urbanismo, economía, seguridade cidadá, benestar social ou ingualdade, entre outros, así como información sobre a programación cultural ou deportiva.