As Pontes cubrirá todas as axudas das microempresas e autónomos
O Concello das Pontes resolveu favorablemente o 100% das solicitude de axudas directas presentas polas micro empresas e persoas autónomas ao abeiro das tres convocatorias do Plan Municipal de Reactivación Económica e Laboral do Concello das Pontes (APREL) ás empresas locais para paliar o impacto económico, social e laboral derivado da crise provocada pola COVID19.
Un plan que contaba cun orzamento inicial de e 340.000 euros, a través do que, en palabras da concelleira responsable de Industria e Emprego, Ana Pena “o Concello das Pontes buscaba contribuír a dar liquidez ás persoas autónomas das Pontes e as microempresas locais que viron como os seus ingresos sufrían unha importante redución durante o confinamento para deste xeito axudarlles a manter a súa actividade, a cumprir coas súas obrigas empresarias e por extensión a manter o emprego na nosa vila
Presentáronse un total 295 solicitudes e concedéronse un total de 149.433,82 euros en axudas directas, outorgándose, en todos os casos, a cantidade económica máxima establecida nas bases das tres convocatorias.
Na primeira convocatoria, posta en marcha en xuño de 2020, repartíronse un total de 111.300 e foron un total de 228 as solicitudes presentadas.
Establecíanse dúas liñas de axudas; unha cota fixa de 600 euros para persoas físicas e xurídicas afectadas polo peche dos seus establecementos polo decreto, do 14 de marzo, de declaración do Estado de Alarma e outra liña, cunha cota fixa de 500 euros, para aquelas persoas autónomas ou micropemes que sufriran unha redución da súa facturación de polo menos o 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma.
A segunda convocatoria foi posta en marcha no mes de decembro e o seu obxectivo era cubrir aquelas demandas que, por distintas circunstancias, non foron beneficiarias da primeira convocatoria, “buscando dar unha cobertura, o máis extensiva posible, ás persoas autónomas e microempresas do municipio, sendo 24 as solicitudes presentadas” explica Ana Pena
Esta segunda convocatoria, que permitiu conceder un total de 12.400 euros, contaba con tres liñas de axudas, e contempla unha cota fixa de 600 euros para persoas físicas e xurídicas afectadas polo peche dos seus establecementos disposto no decreto do 14 de marzo, de declaración do Estado de Alarma.
A segunda liña, cunha cota fixa de 500 euros, estaba destinada a aquelas persoas físicas ou xurídicas que sufriran unha redución da súa facturación, durante o mes de abril de 2020 de polo menos o 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma e unha terceira liña, cunha cota fixa de 600 euros, para aquelas persoas físicas ou xurídicas que se visen afectadas polo peche do establecemento disposto na orde de 15 de agosto de 2020.
Finalmente, no mes de febreiro de 2021, o consistorio aprobou unha terceira liña de axudas orientada exclusivamente ao sector hostaleiro, “un dos sectores máis castigado pola pandemia, situación agravada polos peches perimetrais que afectaron ao municipio das Pontes durante o último trimestre de 2020 e que provocaron que os establecementos hostaleiros se viran privados de ingresos para facer fronte aos custos de mantemento da súa actividade e do persoal” engade a concelleira de Industria e Emprego.
Estas axudas directas estaban deseñadas para contribuír a paliar, na medida do posible, as afeccións económicas que con motivo da pandemia do covid-19 soporta o sector da hostalaría no municipio. Presentáronse un total de 43 solicitudes, elevándose a contía das axudas ata os 25.733,82 euros
Nas tres convocatorias, entre os gastos subvencionables atopábanse a cota da seguridade social, arrendamentos e canons, reparacións e conservacións, servizos profesionais independentes, gastos de subministración (auga, luz, gas ou teléfono) o mantemento das comunicacións (teléfono, internet, correos) así como as cotas de préstamos ou amortizacións.
Ana Pena, responsable de Industria, lembrou que “desde o Concello das Pontes entendemos da situación que estaban atravesando e atravesan as empresas e as persoas traballadoras neste proceso de recuperación polo que intentamos ser o máis proactivos e áxiles, tanto na convocatoria das achegas como na súa resolución, para contribuír, de forma efectiva a paliar os efectos da crise económica e laboral provocada pola pandemia, e contribuír na recuperación dos índices de emprego e actividade empresarial do municipio, que conta hoxe con máis de 700 autónomos e microempresas de todos os sectores”.