As Pontes desenvolve un programa de educación familiar

TerraChaXa
As Pontes desenvolve un programa de educación familiar que ten como finalidade mellorar a situación sociofamiliar das familias.
Programa Educacion Familiar_as_pontes
2 Mar 2021

A concellería de Benestar Social das Pontes desenvolve, desde o segundo semestre do ano 2020, un programa de educación familiar que ten como finalidade mellorar a situación sociofamiliar das familias pontesas que se atopan en situación de vulnerabilidade ou que precisan dun apoio emocional para mellorar as súas capacidades parentais e reducir ou eliminar as carencias ou conflitos.

"O obxectivo prioritario das intervencións que se levan a cabo ao abeiro deste programa é proporcionarlles ás familias pontesas os medios necesarios para o desenvolvemento integral das súas funcións e das súas habilidades, fortalecendo os vínculos do sistema familiar, prestándolles axuda persoal, emocional e de acompañamento na toma de decisións, na resolución de conflitos e na mobilización de recursos propios e da contorna" apunta Tania Pardo, concelleira responsable da área.

O programa, que forma parte da estratexia de inclusión social de Galicia, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FSE Galicia 2014-2020 para promover a igualdade, a saúde e a inclusión social, atende na actualidade a máis de 30 persoas e preto de 20 familias ademais de a moitos rapaces e rapazas que solicitan asesoramento, información e orientación sobre recursos, formación ou emprego.

Entre as diferentes actividades que se levan a cabo no programa de educación familiar destacan a atención individualizada para a detección de necesidades e un plan de visitas domiciliarias orientadas a mellorar as capacidades e habilitades parentais, acompañado do seguimento periódico e personalizado das familias.

Desde o programa tamén se poñen en marcha accións para axudar á creación e mellora das rutinas da vida e á organización das familias na procura de pautas máis saudables, ao fomento do ocio creativo, tanto dentro como fora da unidade de convivencia, ao reforzo e apoio socioeducativo para potenciar o seu desenvolvemento escolar ou ao fomento do voluntariado para potenciar a colaboración e a solidariedade entre os rapaces e as rapazas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17607402801514