As Pontes despide o ano coa Carreira de San Silvestre
O Concello das Pontes despedirá o ano cunha das súas citas máis esperadas: a Carreira de San Silvestre. Este evento deportivo, que terá lugar o 31 de decembro a partir das 16:30 horas, convida á veciñanza a rematar o ano facendo deporte, disfrutando do ambiente festivo e colaborando nunha proba non competitiva.
A carreira desenvolverase nun percorrido circular de 2,5 quilómetros, con saída e chegada na Rúa Alexandre Bóveda. Haberá diferentes categorías para que persoas de todas as idades poidan participar:
- 16:30 horas - Categoría Biberón: 150 metros (para nenos e nenas nados/as desde o 2017).
- 16:45 horas - Categoría Sub12: 500 metros (nados/as entre 2012 e 2016).
- 17:00 horas - Categoría Sub16: 1.000 metros (nados/as entre 2008 e 2011).
- 17:30 horas - Categoría Absoluta: 5.000 metros (nados/as en 2007 ou antes).
- 17:35 horas - Andaina Popular: 2.500 metros (aberta a todas as idades).
A inscrición poderá realizarse o mesmo día do evento, a partir das 15:30 horas, nunha carpa habilitada no patio do CEIP Santa María. Os menores de idade deberán presentar unha autorización asinada polo seu titor ou titora.
Esta carreira destaca polo seu ambiente lúdico, onde a competitividade pasa a un segundo plano para dar protagonismo á creatividade e o entretemento. Con ese espírito, entregaranse premios aos mellores disfraces das diferentes categorías, animando a todos os participantes a acudir disfrazados e desfrutar da xornada.
Para poñer o broche de ouro, ao finalizar o evento ofrecerase chocolate quente a todas as persoas participantes, nunha cita que promete rematar o ano cun sorriso.