As Pontes destina 140.000 euros ás subvencións a entidades culturais
O Concello de As Pontes destinará 140.000 euros ás subvencións para as entidades culturais do municipio durante o ano 2020.
Estas achegas, destinadas a entidades culturais privadas, sen ánimo de lucro, inscritas no rexistro de Asociacións do Concello de As Pontes e que desenvolvan a súa actividade no municipio ou aborden asuntos de interese para a localidade, teñen como obxectivo esencial apoiar e contribuír a fomentar a participación cidadá no ámbito da cultura, impulsando, deste xeito, na democratización da sociedade.
A través destas achegas as entidades solicitantes poderán cubrir os gastos derivados das actividades que leven a cabo así como os gastos en infraestruturas e equipamentos executados ou adquiridos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.
Para acceder a estas achegas é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello, cumprimentada polo representante da entidade cultural, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo para presentar as solicitudes comeza o venres 26 de xuño e remata o venres, 5 de xullo.
Pódese obter máis información sobre estas achegas no BOP 91, con data 19 de xuño de 2020, na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes