As Pontes destinará este ano 35.000 euros ás axudas para a escolarización

TerraChaXa
O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de xuño
material-escolar
28 May 2025

O Concello das Pontes destina 35.000 euros ao programa municipal de axudas para a escolarización, dirixidas a atender os gastos orixinados polo inicio do curso escolar 2025-2026.

Estas achegas están destinadas a atender os gastos de adquisición de libros, material escolar, material informático e material para o conservatorio do alumnado de Educación Infantil (1º e 2º ciclo), Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), bacharelato, ciclos formativos (FP) e estudios no Conservatorio de Música.

No caso do alumnado de Educación Infantil, de 0 a 3 anos, a axuda poderá alcanzar os 30 euros. Para Educación Infantil, de 3 a 6 anos, a contía elévase a 100 euros, ao igual que para Educación Primaria e Secundaria. Os ciclos Formativos e o Bacharelato subvencionaranse con ata 140 euros e o alumnado matriculado en FP básica recibirá axudas de 80 euros mentres que o alumnado de grao elemental do Conservatorio recibirá unha achega de 40 euros e a axuda para o alumnado de grao superior ascenderá a 60 euros.

Para solicitar estas achegas é necesario figurar no padrón das Pontes, ter uns ingresos anuais que non superen os 22.500 euros (no caso das familias numerosas o limiar incrementarase en 2.500 euros a partir do terceiro fillo), certificado de matrícula do centro de estudos, no caso de estudos de BAC, FP Básica ou Ciclos Formativos e Conservatorio Profesional de Música así como estar ao corrente coas obrigas fiscais da Axencia Tributaria, Seguridade Social e Concello das Pontes.

Trala resolución de concesión da axuda económica, as contías serán abonadas mediante a entrega dun vale. Deste xeito, a persoa beneficiaria deberá acudir ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello para retirar o vale da axuda concedida. O prazo para presentar as facturas finalizará o día 15 de decembro de 2025.

As solicitudes, así como a documentación esixida, poderán presentarse a través da sede electrónica municipal https://sede.aspontes.org/sxc/gl/index.html ou no rexistro xeral do Concello (con cita previa chamando aos teléfonos 667129389/667129380) en horario de 08:30 a 13:30 horas, ata o 25 de xuño.

Asemade, abrirase un prazo extraordinario en setembro (do 22 ao 30 de setembro de 2025,), para aquel alumnado que por obrigación ten que formalizar a matrícula en setembro.

⚙ Configurar cookies
0.05632209777832