As Pontes dota ao lago dunha pista multideportiva
O Lago das Pontes contará cunha pista de area destinada á práctica de múltiples disciplinas deportivas. Con esta actuación, a contorna do lago segue ampliando o seu completo aproveitamento deportivo.
Cun orzamento de 47.723,56 €, que proveñen dos fondos propios do Concello, a pista deportiva contará cun perímetro de 41x34 metros e unha superficie dunha capa nivelada de 40 cm de espesor de area fina. Estas características permiten que se adecúe á normativa establecida para todas as disciplinas deportivas que se pretenden realizar sobre este terreo de xogo.
Esta pista localízase na espazo sur da zona recreativa do lago co obxectivo de que sexa compatible coa realización doutras actividades e eventos deportivos que xa se veñen disputando anualmente no Lago. O emprazamento permite tamén unha correcta interrelación cas persoas usuarias da praia.
A execución desta instalación deportiva de area responde á demanda de diferentes entidades deportivas de contar cun espazo ao aire libre que permita desenvolver competicións e adestramentos destas disciplinas sobre area. Rugby, voleibol, balonmán ou fútbol son os deportes aos que está dirixido principalmente este novo espazo.
Esta área multideportiva será estreada a próxima fin de semana co Beach Rugby 5 Vila Das Pontes. Este torneo traerá o próximo 6 e 7 de agosto o mellor rugby praia internacional con máis de 250 deportistas de equipos de toda España, Portugal ou Francia, tanto en categoría feminina como masculina.