As Pontes é esta fin de semana sede da final das series de Beach Rugby
O lago das Pontes acollerá esta fin de semana a final das series españolas de Beach Rugby na terceira edición do Beach Rugby 5 Vila das Pontes que reunirá a máis de 200 deportistas e da que sairán os campións de España da disciplina, tanto na categoría masculina como feminina.
Elena López, concelleira de Deportes, durante a presentación da proba que se celebrou, esta mañá, no salón de plenos do concello das Pontes, amosou o seu agradecemento á asociación deportiva Monte Medulio “polo seu traballo e aposta polo lago, para seguir convertendo este espazo nun referente nacional para a práctica deportiva así como aos diferentes colaboradores e patrocinadores que fan posible co seu apoio a realización desta proba deportiva.
Pola súa banda, Joel Carballeira, presidente da asociación deportiva Monte Medulio, explicou o programa do torneo que contará coa participación de 22 equipos sénior, 12 na categoría masculina e 10 na categoría feminina procedentes de diferentes puntos da xeografía española como Madrid, Segovia, Cataluña, entre outros.
O evento comeza hoxe, ás 10:00 horas cunha xornada de plogging na contorna do lago e da senda da memoria na que as persoas participantes, ao tempo que realizan unha ruta de sendeirismo farán unha recollida de lixo.
A partir das 15:00 horas será a quenda para a recepción dos equipos participantes e a partir das 17:00 hora darán comenzo dos torneos nas categorías M14 e Mixed Abiltiy, unha modalidade de rugby que incorpora a persoas con discapacidade na aliñación dos diferentes equipos que integran o torneo. As finais de ambos torneos disputaranse a partir das 20:00 horas e a xornada rematará coa festa de presentación das Series Españolas, ás 22:00 horas.
O sábado a competición dará comezo ás 09:00 horas e se desenvolverá, de forma ininterrompida ata as 20:30 horas, momento no que se disputarán as finais das Series Españolas de Beach Rugby. Finalizado o torneo, a partir das 22:00 horas comezará o terceiro tempo que dará paso, ás 22:45 horas, á entrega de trofeos e sorteo de agasallos. A xornada finalizará co concerto do grupo grupo Sintrom ni Son.
Finalmente, Elena López, responsable da área de deportes tamén invitou á veciñanza a “que se acheguen tódalas persoas a desfrutalo, xa que é un espectáculo dunha disciplina que está en auxe e que non se pode desfrutar de xeito habitual pola contorna, sendo unha gran oportunidade para achegarse a As Pontes e coñecer o lago”.