As Pontes e Ferrol sitúanse como os dous grandes centros tractores do emprego industrial na comarca

TerraChaXa
Son as conclusións expresadas na xornada 'Perspectivas empresarias para a próxima década na comarca de Ferrolterra', organizada polo Concello
navantia-xornada-industria-as-pontes
9 May 2025

O sector naval militar alcanzará os 9.000 postos de traballo na comarca de Ferrolterra grazas ao programa F110 do Ministerio de Defensa.

Esta cifra deuna a coñecer, o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez García Baquero durante a xornada, Perspectivas empresarias para a próxima década na comarca de Ferrolterra, organizada polo Concello das Pontes, quen tamén apuntou que “a previsión é alcanzar esta cifra dentro de dous anos, de forma sostible, sen as irregularidades dos últimos anos que provocaron perdas de emprego e de poboación na comarca”.

Esta xornada informativa tiña como obxectivo expoñer a situación actual e a previsión de xeración de emprego e dinamización da economía na comarca de Ferrolterra, grazas ás inversións e á carga de traballo que está a asumir a empresa Navantia, e que van influír de xeito directo ao concello das Pontes e a súa comarca.

Durante a xornada, que convocou a un gran número de representantes do tecido industrial pontés e da comarca, o presidente de Navantia afondou na situación actual dos estaleiros ferroláns, indicando que “na actualidade están entrando 5.000 persoas, algo que non ocorría desde fai 10 anos. Estamos recibindo, de forma contundente, investimento por parte do Goberno de España para darlle estabilidade e dinamizar a economía da ría e da comarca de Ferrolterra”.

“Atopámonos nun momento no que temos carga de traballo, temos diferentes programas que nos encargou a Armada Española, o estaleiro está cun gran programa de investimento por que queremos que sexa un estaleiro punta de lanza, á vangarda tecnolóxica para dar resposta aos encargos que chegan desde o Ministerio de Defensa” agregou.

Pola súa banda, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou a importancia do sector naval na economía local, "hoxe o naval militar, en Ferrol, está en pleno apoxeo, con unha carteira de máis de 7.000 millóns de euros en pedidos. É un sector tractor en toda a comarca; As Pontes ten 400 familias vivindo do sector metalúrxico e outras 400 vinculadas á construción, dous sectores que teñen un enorme futuro nos estaleiros de Fene e Ferrol, de feito, a día de hoxe xa hai empresas das Pontes traballando en Navantia”.

⚙ Configurar cookies
0.12463593482971