As Pontes e Guitiriz únense para solicitar axudas ao PERTE de dixitalización do ciclo da auga

O Concello das Pontes, xunto aos concellos de Valdoviño, Cee, Guitiriz e Gondomar, tras constituírse como agrupación de entidades, veñen de presentarse á terceira convocatoria de subvencións para proxectos de mellora e eficiencia do ciclo urbano da auga no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PERTE) de dixitalización do ciclo da agua, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).
Estas axudas están destinadas a financiar proxectos de dixitalización do ciclo urbano da auga que abarquen abastecemento en alta, distribución, saneamento e depuración, co obxectivo claro de mellorar o coñecemento dos usos da auga, reducir as perdas, mellorar a eficiencia dos sistemas, optimizar o gasto enerxético, impulsar a transparencia e a comunicación coa cidadanía e entes públicos e privados involucrados nas distintas fases do ciclo urbano.
Desde o Concello das Pontes, o responsable de Medio Ambiente, Manuel Rodríguez, apunta que “no caso do proxecto presentado polas Pontes e as outras catro entidades locais trátase dunha proxecto, cun orzamento de 2.047.864 euros que inclúe tres liñas de actuación; a planificación do ciclo da agua, a implementación de accións de mellora da eficiencia e dixitalización e a posta en marcha de sistemas de comunicación e información coas persoas usuarias finais”.
Rodríguez sinala que “mediante a sensorización e dixitalización dos diferentes sistemas buscarase, entre outros obxectivos, rexistrar a cantidade e calidade do recurso auga potable, así como monitorizar as variables asociadas a procesos de consumo enerxético. O control destas variables permitirá optimizar o funcionamento de determinados procesos, mellorar a eficiencia enerxética e, en definitiva, reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro. Tamén se establecen como metas reducir as perdas de auga nos sistemas da auga potable, controlando parámetros de caudal, presión e outras variables físicas e incorporando sistemas de localización precisa de fugas; asegurar a calidade da auga fornecida á poboación e aos usuarios finais, mediante a monitorización en liña e en tempo real de parámetros de calidade da auga, tanto de carácter fisicoquímico como microbiolóxico.
Así, solicítase unha achega de 600.000 euros para a elaboración de planes integrais de xestión dos sistemas de saneamento, estudos para o diagnóstico do control e xestión de fugas estruturais, posta en marcha de estudos hidroxeolóxicos para a mellora do coñecemento das augas subterráneos e a modelización cartográfica e numérica das redes e sistemas de abastecemento e saneamento de todo o ciclo urbano así como o desenvolvemento de plan para o fomento do uso de auga rexenerada.
Dentro da liña destinada ás intervencións específicas para mellora a eficiencia e dixitalización do ciclo urbano solicitase unha achega de 1.220.875 euros para a posta en marcha de actuacións centradas nas infraestruturas de captación de aguas, redes de distribución, entrega para o uso público, actuacións sobre os sistemas de saneamento e depuración, puntos de vertido de augas residuais así como actuacións complementarias en mellora da eficiencia asociadas a reparacións e melloras técnicas nos sistemas de abastecemento, saneamento, tratamento de augas, que permitan, entre outros obxectivos, o incremento dos volumes tratados, a diminución das perdas e o fomento da reutilización e rexeneración da auga.
Así mesmo, solicitan unha achega de 226.938 euros para o desenvolvemento de portais web para fomentar a comunicación dixital coas persoas usuarias finais, posta en marcha de ferramentas dixitais (telexestión e telemando) para mellora a xestión dixital do ciclo urbano da agua, implantación de medidas de ciberseguridade e de tecnoloxías baseadas na intelixencia artificial aplicadas ao ciclo da auga.
Manuel Rodríguez remarca, que se trata dun proxecto que, nos cinco concellos solicitantes, “recolle todo o ciclo da agua, desde a captación ata a depuración e vertedura, un proxecto estratéxico para todos os concellos participantes nesta agrupación de entidades que nos permitirá situarnos na primeira liña de xestión eficiente da auga, como recurso estratéxico e esencial.