'As Pontes Ecuestre' bate récords de participación na súa terceira edición

TerraChaXa
No eido competitivo, Sara Suárez Carro proclamouse vencedora na proba de 1.0 metros do Concurso de Saltos Territorial con Rubio
As-Pontes-Ecuestre-2025
Hakuna Fotata Photographer
9 Jun 2025

'As Pontes Ecuestre' celebrou esta fin de semana a súa terceira edición converténdose nun éxito rotundo de participación, con preto de cen saídas a pista no Concurso de Saltos Territorial e ao redor de 120 xinetes e amazonas inscritos na proba do Campionato Galego de Andadura.

O evento, organizado polo Club Hípico Prado Ventura, contou co apoio do Concello das Pontes, da Federación Hípica Galega e, por primeira vez, da Deputación da Coruña, que patrocinou a I Liga Ferrol-Eume-Ortegal.

O Lago das Pontes converteuse así nun dos tres escenarios desta nova liga interclubes, onde os representantes dos clubs Prado Ventura, Equo Alalma e Granxa do Souto buscaron sumar puntos de cara á clasificación final. O público tamén respondeu masivamente á convocatoria, enchendo os arredores do Lago dende primeira hora da mañá para seguir en directo a competición.

A concelleira de Deportes e Turismo, Elena López Seco, acompañada do director deportivo do evento, Federico Pérez Lago, e da presidenta do club organizador, Natividad González Laso, participou na entrega de trofeos xunto a outros representantes municipais e a técnica deportiva Noa García, quen destacou o apoio institucional e do público como claves para o éxito do certame.

No eido competitivo, Sara Suárez Carro proclamouse vencedora na proba de 1.0 metros do Concurso de Saltos Territorial con Rubio. En 0.80 m, Icía Porto Beceiro acadou o primeiro posto con Wakanda. Na proba de andadura, os podios repartíronse entre xinetes de distintas categorías, destacando nomes como Ceferino Gama, Jonathan Lafuente, José Ameneiros ou Darío Casas.

A organización valorou moi positivamente o desenvolvemento do evento e avanza a intención de seguir celebrando novas edicións dun certame que xa se consolida como referente no calendario hípico galego.

⚙ Configurar cookies
0.17587018013