As Pontes edita unha guía de igualdade protanonizada polo bolechas
O Concello das Pontes, ao amparo das actividades organizadas pola concellería de Igualdade con motivo do Día Internacional da Muller editou unha guía sobre igualdade, protagonizada polos Bolechas.
As persoaxes infantís, creadas polo debuxante e guionista Pepe Carreiro, participan, xunto aos nenos e nenas das Pontes, nun concurso de debuxos sobre igualdade e mentres mostran algúns recunchos do municipio van desmontando diferentes estereotipos sexistas.
Os Bolechas mostran que non hai roupa para nenas ou nenos, que non hai xoguetes para nenos ou nenas, que as profesións son tanto para homes como para mulleres, e que homes e mulleres deben cooperar nas tarefas do fogar.
Tania Pardo, concelleira de Igualdade, sinala que “esta guía, titulada “As Pontes pola Igualdade” pretende converterse nun recurso didáctico, atractivo e divertido, co que queremos educar en igualdade aos ponteses e pontesas máis novas, ao mesmo tempo que mostramos algúns dos espazos de convivencia do noso municipio, nos que debemos erradicar a desigualdade”.
O Concello editou 1.000 exemplares deste libro-guía, que se distribuíron nos tres colexios públicos do municipio, na Escola Infantil Municipal A Barosa así como na Biblioteca Municipal.
Tania Pardo tamén apuntou que “con esta nova iniciativa o Concello continua traballando, en favor da educación en igualdade, facéndoo dun xeito transaversal e constante, co obxectivo de sensibilizar, fomentar a igualdade e a coeducación entre o alumando dos centros educativos do noso municipio por que é unha ferramenta fundamental para avanzar cara unha sociedade xusta, igualitaria e libre de violencia machista”.