As Pontes edita unha guía de plantas das fragas do Eume
O Concello das Pontes, coa colaboración da imprenta da Deputación da Coruña, edita a Guía de las plantas del Parque Natural de As Fragas do Eume froito do traballo de investigación realizado por Javier Guitán, catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela e do fotógrafo José L.M. Villar.
Elena López, responsable da área de Turismo, incide no valor desta publicación xa que “este traballo danos a posibilidade de divulgar a riqueza natural e medio ambiental das Fragas do Eume, algo esencial para poder respectalas e coidalas. A través do coñecemento podemos xerar conciencia que permita que a sociedade respecte a súa contorna”.
Esta guía ten como obxectivo achegar aos lectores e lectoras a riqueza do Parque Natural das Fragas do Eume, unha das mellores representacións do bosque atlántico litoral europeo.
A publicación, a través de 13 capítulos, analiza aspectos xerais do Parque, as principais características da flora e facilita algunhas pautas para o recoñecemento das especies.
Na Biblioteca Municipal Rivera Rouco existen varios exemplares, a disposición das persoas interesadas, para a súa consulta.