As Pontes, eixo da nova Rede de Destinos Turísticos do Carbón de CIUDEN

A Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), adscrita ao Instituto para a Transición Xusta (ITJ) do MITECO, pon en marcha a Rede de Destinos Turísticos do Carbón, na que As Pontes de García Rodríguez é un dos enclaves destacados xunto con áreas de León, Teruel, Córdoba e as comarcas mineiras asturianas.
O Concello de As Pontes participa como socio estratéxico, achegando coñecemento do territorio e implicando empresas, entidades e colectivos nun proceso participativo dende o inicio.
A rede impulsará experiencias turísticas sostibles, accesibles e inclusivas vinculadas ao patrimonio industrial e mineiro pontés. Durante o proxecto deseñaranse, testaranse e comercializaranse produtos experienciais no municipio. Prevese un programa de formación e capacitación en xestión turística, innovación e sustentabilidade para os axentes locais, co obxectivo de xerar novas oportunidades económicas e sociais baseadas na memoria e na innovación.
O plan inclúe comunicación e mercadotecnia específicas para posicionar As Pontes baixo unha marca común de turismo sostible nos territorios de transición xusta, e a integración en canles de venda dos novos paquetes. O proxecto dispón dun orzamento de preto de 144.000 € achegados por CIUDEN para a asistencia técnica, ademais doutros gastos, e unha duración de 18 meses, cun horizonte de traballo ata o primeiro semestre de 2027.
Nesta etapa crearase formalmente a rede, identificarase operadores clave e recursos turísticos en As Pontes, definirase a gobernanza (estrutura, procedementos, adhesións) e realizarase un diagnóstico das fortalezas e áreas de mellora do patrimonio do carbón.
Como acción de difusión, o encontro PAISAXES26, organizado xunto co Centro Asociado da UNED Ponferrada, centrará a súa vindeira edición nos destinos do carbón, servindo de escaparate para os avances en As Pontes.