As Pontes enPezas remata este verán 15 novas obras
O proxecto artístico As Pontes enPezas continúa medrando e ampliando o seu museo a ceo aberto. Ao longo do verán, foron quince as novas pezas que se sumaron ao proxecto.
Do mesmo xeito que en anos anteriores, leváronse a cabo tanto pezas colectivas – feitas por veciñas e veciños da vila – coma pezas de autor, realizadas por artistas profesionais. Ademais, como novidade neste ano, deuse a oportunidade a artistas noveis que comezan as súas traxectorias no mundo da arte.
Unha das pezas colectivas foi a elaborada polo grupo de artistas ponteses ArtPo, e oas /as usuarios/as da asociación A Xanela (Asociación de persoas con discapacidade activas). A peza mural titulada Construíndo capacidades situada na avenida da Coruña, está dedicada ás diferentes capacidades que se traballan e desenvolven na Xanela, deixando entrever unha mensaxe de superación, actitude e positividade a través das súas cores.
Esta non foi a única peza realizada polos/as artistas de ArtPo, xa que preto da peza anterior, na avenida de Ferrol, realizaron un mural dedicado ao labor da radio local, Radio Eume. Esta canle comunicativa cumpre xa máis de trinta anos activa, converténdose na radio local máis antiga de Galicia.
Dúas das pezas colectivas realizadas este verán foron dirixidas pola artista e profesora de pintura da vila, Pili Carballeira, acompañada das súas alumnas. As pezas están enfocadas ao retrato do misterioso personaxe da vila, Xaquín das Herbas, e ás lavandeiras do río do Chamoselo, no que durante moitos anos lavaron a roupa tantas mulleres do contorna. Ambas pezas son unha homenaxe ao barrio, á veciñanza e á súa historia; poden ir a visitarse na rúa Chamoselo.
O xa bautizado como O banco dos bicos e recoñecido como o photocall oficial da vila, é outra das pezas colectivas que se creou esta tempada. Nesta ocasión, da man da artista local e impulsora do proxecto, Sonia Sueiro, xunto cos rapaces e rapazas da escola e centro de día de Aspanaes. Tras varias sesións traballando conxuntamente, decidiron crear un entorno máxico no que os bicos e o amor fosen os protagonistas. A súa peza pode visitarse na avenida de Ferrol, enfronte da Casa do Concello, onde se atopa un banco ideal para acomodarse e dar o mellor dos bicos.
As grandes protagonistas da peza mural colectiva Oda á muller foron un grupo de quince mulleres que realizaron unha homenaxe á muller chea de significado, na que destaca unha mensaxe de complicidade, sororidade, unión e empoderamento, ademais dunha nova amizade que vai máis aló da pintura. A peza pode visitarse na avenida de Galicia, en pleno corazón da vila.
Unha das pezas colaborativas que queda por descubrir, é a iniciativa dos Pasos con letras, na que se procura recompilar frases creadas pola veciñanza, que posteriormente se colocarán nos distintos pasos de peóns de toda a vila.
Entre as novas pezas de autor que se poden visitar na vila, atópase a dun dos artistas locais, Wedo (Edgar Goás). Wedo volve a participar no proxecto elaborando unha peza dedicada ao cabaleiro medieval García Rodríguez de Valcarce. Hai case 650 anos, o rei Henrique II nomeou a este guerreiro señor das terras de As Pontes, que dende entón, da nome ao municipio. A peza está situada na Rúa Sergio Rivera Chao, máis dada a súa magnitude pode verse dende distintos puntos da vila.
A arquitecta e muralista galega Lucía Escrigas, tamén deixou a súa pegada no proxecto co seu mural dedicado ás feiras que se celebran na vila dende hai 232 anos, concretamente dende o ano 1788, cando gobernaba o rei Carlos IV. Como non podía ser de outra maneira, o seu mural pode visitarse na Rúa Campo da Feira, espazo que alberga parte das feiras quincenais da vila.
Chegado dende Rianxo, NOVE NOEL representaba en plena praza do Carme ao considerado como o último bandoleiro romántico, Mamed Casanova (alias Toribio). Este antiheroe natural das Grañas do Sor (Concello de Mañón) e apresado na parroquia pontesa do Freixo, foi famoso polas súas extravagantes fazañas, conquistando a grandes escritoras/es como Emilia Pardo Bazán ou Valle-Inclán.
As últimas en sumar a súa peza de autor ao museo foron Carolina Díguele e Isabel O´Connor. Estas dúas artistas xa veteranas no proxecto, crearon a súa obra nun soporte moi orixinal: un respiradoiro situado na Canle IV. Este foi transformado nunha enorme amanita muscaria ateigada de maxia, meigas e lendas, que xa sorprende dende o paseo situado na zona.
A piques de rematar, pode atoparse entre sprays a Rubén Moledo – tamén artista pontés e xa veterano no proxecto – realizando a súa peza mural dedicada aos deportes que se practican nas Pontes. A obra pode visitarse na centralita situada ao carón do Pavillón Municipal da Fraga.
Entre as obras dos artistas locais, atopamos a peza de Diego Cereijo, quen repetía a súa participación no proxecto cunha obra a gran escala que mestura a tradición e a innovación dun oficio de gran relevancia social na vila, a tornaría. Esta peza aparece personalizada na figura de dous referentes desta arte: Lolo Castro e Fernando Vérez. A peza mural resultante suma un valor especial ao espazo emblemático que a alberga, o muíño de Severiano situado nun entorno privilexiado: a carón da Ponte de García Rodríguez en pleno casco histórico.
O artista local Sergio Picos coñecido como Comeluz, participaba por primeira vez no proxecto cunha peza dedicada ao milenario camiño dos arrieiros, que vai dende As Pontes ata a Estaca de Bares, atravesando a Serra da Faladoira. A obra pode visitarse no cruce entre a Avenida de Ortigueira e a Rúa Ourense.
Entre os artistas que se estreaban no mundo do muralismo atopamos o mural creado por Federica di Tizzio, quen deixou unha imaxe sobre os dinosaurios e plantas que existían na era do cretáceo, e cuxos fósiles foron descubertos na mina de carbón, agora transformada nun inmeso lago. A peza localizada na rúa peonil Rego do Campo, xerou unha gran curiosidade na zona.
Juan Prieto (Sonao) foi outro dos artistas que se iniciou no mundo do muralismo cun alpendre de grandes dimensións situado na Rúa Irmáns Tojeiro, unha das entradas á vila. Irse, peza dedicada á emigración pontesa á América, amosa de xeito colorido e enérxico, a esperanza, a ilusión, os perigos e o futuro postos nunha terra de oportunidades.
Do mesmo xeito, Mario Vérez, estudante de Belas Artes e recoñecido polo seu talento para as artes escénicas, dedicou o seu primeiro mural ás orixes da música. A súa peza, situada na Avenida de Vilalba, representa os inicios da música pontesa, que se sitúan na parroquia de Ribadeume, onde un talentoso cura, Don Juan Vázquez, creou a primeira banda de músicos. Nun calexón situado na Avenida de Galicia, creaba a socióloga pontesa, Judith Cao, a súa primeira obra mural. A peza bautizada como Recuncho animado das Fragas amosa un entorno vivo, onde os protagonistas son os animais e as plantas propios das Fragas do Eume, que se mimetizan entre eles formando un ecosistema máxico.