As Pontes entrega os diplomas do taller de apoio emocional ante a covid
O Concello das Pontes vén de entregar os diplomas ás participantes no taller de apoio emocional Superamos a covid-19. A realización deste obradoiro, que se iniciou o 5 de abril, tivo como obxectivo contribuír, mediante diferentes liñas de traballo, a paliar os efectos emocionais provocados pola pandemia na poboación, promover a adaptación persoal e social á nova situación e, por extensión, mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Tania Pardo, responsable da área de Benestar Social, indica que “co programa Superamos a Covid19 procurouse mellorar a saúde emocional das persoas máis vulnerables, mediante a prestación de distintos apoios, axudándolles a desenvolver a súa resiliencia e capacidade de adaptación cas diferentes accións levadas a cabo nestes talleres durante estes dous meses”.
O programa incluíu actuacións de intervención individual directa coas persoas usuarias orientadas a apoiar o proceso de fortalecemento persoal e social das mesmas, introducindo procesos de reflexión, análise, activación, atendendo ás situacións cotiás e singulares que cada unha delas vive para, deste xeito, recoñecer os danos ocasionados pola pandemia.
Foron 12 as mulleres que aproveitaron estes sete talleres, de dúas horas de duración, para a súa mellora persoal e social. Entre eles destaca un obradoiro de coidado anímico e físico en tempos da Covid 19 ou un taller de manexo emocional no que as persoas usuarias aprenderon a xestionalas de maneira saudable.
Asemade, neses talleres tratáronse diferentes cuestións como o desenvolvemento da resiliencia, a auto-estima ou a xestión do tempo. Tamén se atendeu á parte física, grazas ao obradoiro de respiración e estiramentos, no que se puideron adquirir técnicas e exercicios de relaxación adaptados ao perfil de cada persoa. Doutra banda, no obradoiro de tensións familiares e sociais, as participantes recoñeceron a importancia da autonomía e do empoderamento nas relacións interpersoais.