As Pontes entrega os diplomas dos cursos de construción

TerraChaXa
O Concello e a Fundación da Construción de Galicia veñen de entregar os diplomas ás persoas participantes en dous cursos de formación laboral.
diplomas cursos formacion construcion
4 Xuño 2021

O Concello das Pontes e a Fundación Laboral da Construción de Galicia veñen de entregar os diplomas ás persoas participantes en dous cursos de formación laboral promovidos no marco de colaboración entre ambas entidades. Este acordo permitirá ao Concello ofertar máis formación homologada no ámbito da construción e acceder á bolsa de emprego que oferta a Fundación.

Estes dous cursos, Nivel básico de prevención en construción e Prevención de riscos laborais de operadores de aparatos elevadores, estaban dirixidos a demandantes de emprego empadroadas no concello e foron aproveitados por arredor de corenta veciños e veciñas.

Ana Pena, concelleira  de Recursos Humanos, Industria e Emprego, agradece ao alumnado “a súa implicación nestes cursos, dirixidos a mellorar a súa formación, animándoos a aproveitar todos os coñecementos adquiridos para desenvolver as súas competencias laborais, acrecentar a súa empregabilidade e situarse nunha posición máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións”.

Pena tamén sinala que “o Concello continuará apostando pola formación, vencellada ás demandas do tecido laboral do municipio e da comarca, para mellorar a empregabilidade e a situación laboral da veciñanza que se atopa na procura de emprego”.

Esta oferta formativa está orientada a contribuír á incorporación ao mercado laboral xa que se adapta ás necesidades do sector no ámbito da construción e da loxística. Por unha banda, o curso de Nivel básico de prevención en construción (60h) aborda conceptos básicos sobre seguridade e saúde, no marco da prevención dos riscos xerais e específicos. Tamén conta con formación en cuestións de primeiros auxilios.

Doutra banda, a formación sobre a Prevención de riscos laborais para operadores de aparatos elevadores (6h) versa sobre o mantemento e verificacións das máquinas e equipo de traballo. Tamén se inclúen cuestións de seguridade como a verificación, identificación e vixilancia do lugar de traballo e da súa contorna. Asemade,  manéxase a planificación das tarefas desde un punto de vista preventivo 

0.20014309883118