As Pontes esixe á Xunta melloras urxentes no IES Moncho Valcarce

TerraChaXa
Entre os problemas máis destacados atópanse as humidades recorrentes, tanto nas aulas como no polideportivo, con goteiras e charcos no chan que afecta tamén ao cabreado eléctrico
estado-polideportivo-ies-moncho-valcarce
22 Apr 2025

O Concello das Pontes, a ANPA Brixeo e toda a comunidade educativa do IES Moncho Valcarce esíxenlle á Consellería de Educación un investimento urxente para reparar as graves deficiencias que presenta o centro educativo.

Deste xeito, As Pontes intensifica as reclamacións que desde 2021 vén realizando á Xunta de Galicia, solicitando unha intervención inmediata e global nun centro educativo no que estudan máis de 400 ponteses e pontesas, con 37 anos de antigüidade, con graves carencias que requiren actuacións estruturais urxentes.

“Non podemos seguir esperando por unha intervención, que leva anos aprazándose, e que afecta á seguridade e benestar de toda a comunidade educativa do IES Moncho Valcarce. Un centro que na actualidade non reúne as condicións de habitabilidade, de salubridade, de seguridade e que tampouco cumpre cos requisitos de eficiencia enerxética, apuntan desde O Concello das Pontes, a ANPA Brixeo e o claustro do IES Moncho Valcarce.

Entre os problemas máis destacados atópanse as humidades recorrentes, tanto nas aulas como no polideportivo, con goteiras e charcos no chan que afecta tamén ao cabreado eléctrico do espazo deportivo.

Alertan tamén de fendas e mofo negro nas paredes das aulas, xanelas que non illan adecuadamente e ademais indican que son necesarias outras actuacións que permitan mellorar a eficiencia enerxética e accesibilidade do centro para adaptar instalacións ás necesidades educativas de 2025 xa que, “non se pode seguir operando cun centro educativo que funciona como se estivésemos na década dos anos 80.”

Tania Pardo, responsable de Educación do Concello das Pontes, subliña que “pese a solicitar, desde o ano 2021, case unha decena reunións coa Consellería de Educación non obtivemos ningunha resposta. É certo que a raíz da presión social, responsables autonómicos achegáronse ata o centro para realizar unha inspección en 2023 e regresaron en febreiro de 2025 , pero seguimos esperando por un compromiso firme co centro así como por algunha actuación concreta. Agradecemos que veñan a coñecer en primeira persoa as eivas do centro pero o IES Moncho Valcarce precisa de reformas urxentes; non poden seguir aprazando unha intervención que afecta á seguridade e benestar de centos de rapaces e rapazas da nosa vila”.

Por outra banda, o executivo municipal acusa á Xunta de Galicia de estar a bloquear as actuacións coa conivencia da Consellería de Educación. “É evidente que a Xunta lle dá prioridade a investimentos en municipios da súa mesa cor política. Pero a rapazada non pode ser vítima de intereses partidistas, deben ser unha prioridade. Son o futuro da nosa comunidade autónoma” sinalan desde o Consistorio.

O Concello reiterou a súa disposición para colaborar coa Xunta para coordinar esforzos “Queremos que o IES Moncho Valcarce sexa un espazo moderno, seguro e adecuado ás esixencias actuais. Continuaremos loitando para que a Xunta asuma as súas responsabilidades e actúe dunha vez por todas”, conclúe o goberno municipal.

⚙ Configurar cookies
0.15728092193604