As Pontes arranca o sábado unha nova edición da Cita coa Historia
O municipio das Pontes prepárase para celebrar, esta fin de semana a IX edición da Cita coa Historia, un evento organizado polo Concello, en colaboración coa asociación veciñal Lembranza da Vila.
Durante os días 13, 14 e 15 de setembro as rúas do casco histórico das Pontes retrocederán no tempo para acoller distintas actividades coas que se busca afondar nos xeitos de vida na localidade durante período galaico romano.
As actividades arrancarán, o venres, 13 de setembro, ás 17:00 horas coa apertura do mercado e a rúa dos oficios para dar paso a unha serie de obradoiro guiados, entre os que figuran a forxaa, a cerámica, o coiro, madeira e gaita, ademais da tradicional visita guiada ao Museo Etnográfico Monte Caxado.
Rematarán a primeira xornada con pasarrúas con Nacablle e Tambukada.
O sábado, ás 11:30 horas, procederase á apertura do mercado e da rúa dos oficios que sinalará o inicio dunha xornada pensada para todos os públicos e que comezará cun obradoiro de torneado e talla en madeira. Seguirán todo o día estes obradoiros de distintos oficios nun programa no que se repetirá a visita ao museo etnográfico ás 12.00 horas e ás 19.30.
Á mesma hora da mañá haberá un pasarrúas a cargo do grupo Son do Sor do Barqueiro para dar paso ao pregón, que este ano será o sábado ás 13.00 horas e estará a cargo de Juan Anllo Sebastián, actor e veciño da vila, con máis de 30 anos de traxectoria.
A asociación Lucius Spiculus Divulgación achegará ao público, á orixe da gladiatura e dos gladiadores e a xornada da mañá rematará coa actuación do grupo Son das Tabernas.
Xa durante a tarde, a partir das 16:00 horas, abrirase unha ludoteca infantil, asentada no antigo cemiterio da vila, onde a rapazada poderá gozar con xogos de época, xogos tradicionais e xogos xigantes.
Seguirán durante a tarde todos os obradoiros, máis centrados nos nenos, que se combinarán cos pasarrúas a cargo de Impechables e a actuación do grupo Tanto nos ten ás 22.00 horas na praza da igrexa. Pero serán No Cómbaro os que pecharán a programación do día cun pasarrúas.
O domingo continuará a Cita coa Historia, a partir das 11:00 horas, coa apertura do mercado e a rúa dos oficios e a sucesión de obradoiros, entre os que se poderá escoitar a música dos Trevillas.
As actividades continuarán durante toda a tarde, con obradoiros e xogos infantís, a música de Sobraos de Bergondo para rematar cun combate ritual ás 18.15 horas como último acto, antes do peche do mercado, ás 20.00 horas.
CONSULTA O PROGRAMA AL DETALLE NESTE ENLACE