As Pontes estrea a próxima fin de semana un festival de maxia
O Concello das Pontes celebrará a próxima fin de semana o festival de ilusionismo As Pontes ten Maxia, unha proposta que achegará, ata diferentes escenarios da vila, unha selección dalgúns dos mellores e máis premiados números de maxia do momento nun espectáculo único.
Vicente Roca, concelleiro de Cultura resalta que “a través desta proposta reunimos a un conxunto de ilusionistas, procedentes de diferentes lugares do mundo, para ofrecer un espectáculo de maxia espectacular que, temos o convencemento, quedará no recordo da veciñanza e persoas visitantes por moito tempo”.
Trátase dunha proposta que arrancará o venres, 2 de decembro, cun espectáculo ao aire libre, se a meteoroloxía o permite, ás 21:00 horas no Parque Municipal, da man de Héctor SanSegundo e o concerto das Cherry Sweet. En caso de choiva o espectáculo trasladarase ao salón de actos da Casa Dopeso.
Xa o sábado, 3 de decembro, a partir das 11:00 horas, o Mago Samena dirixirá un obradoiro de maxia, dunha hora de duración, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, e ás 13:00 horas regresará a maxia á rúa, ao Parque Municipal, tamén da man de Nacho Samena - En caso de choiva o espectáculo trasladarase ao salón de actos da Casa Dopeso- e xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda para a gala de maxia infantil familiar, a cargo do Mago Rafa, no Auditorio Municipal Cine Alovi.
O domingo 4 de decembro, a partir das 18:00 horas celebrarase a Gran Gala Internacional de Maxia no Auditorio Municipal Cine Alovi na que participarán Dani Polo, Lore Lavand, o Mago Rafa, David Díaz, e o Dúa Kybalion.
As entradas para a Gala Infantil de Maxia e a Gran Gala Internacional de Maxia poden retirarse na páxina web e poderán retirarse 15 minutos antes do espectáculo na billeteira do Auditorio Municipal Cine Alovi.
AVANCE PROGRAMACIÓN NADAL
Por outra banda, o concelleiro de Cultura aproveitou a presentación deste festival para adiantar algunhas das propostas culturais deseñadas para o nadal, destacando entre elas o espectáculo circense "Ambulant" da compañía La Fam, un espectáculo en gran formato no que se rende homenaxe ao últimos circos clásicos de principios do século XX, unha proposta poética e intimista, cunha elaborada posta en escena e música en directo que chegará o día 10 de decembro, ao Auditorio Municipal Cine Alovi, ás 16:30 e 19:30 horas.
Por outra banda, haberá un concerto de Andrés Balado o sábado, 17 de decembro, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, no que presentará o seu traballo Entrelazados, acompañado dunha banda e dous músicos convidados que porán en escena un directo demoledor, ao máis puro estilo dos músicos clásicos dos que bebe no seu traballo.