As Pontes executa as obras da contorna do Poboado da Magdalena

TerraChaXa
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou as obras de mellora da contorna do Poboado da Magdalena.
obras mellora valentin poboado magdalena
21 Out 2021

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou as obras de mellora da contorna do Poboado da Magdalena.

O alcalde explicou que “o Concello das Pontes executa estes traballos, de forma periódica, co obxectivo de atender ao correcto mantemento do patrimonio municipal así como dos viarios públicos. Con estas actuacións buscamos continuar mellorando a accesbilidade, a mobilidade e a seguridade viaria na nosa vila"

Os últimos traballos no Poboado da Magdalena foron acometidos durante a época estival para, deste xeito, ocasionar as menos molestias posibles tanto ás persoas residentes como á cidadanía que circula por esta zona e consistiron no lavado a presión dos pavimentos así como no frisado das lastras nas zonas de tránsito rodado, tarefas que se complementaron con traballos de desborce das zonas axardinadas e a limpeza dos bordos dos viarios.

O rexedor local lembrou que esta actuación “súmase ás levadas a cabo no poboado durante o último ano e que permitiron a reurbanización da Praza da Magdalena mediante a creación de zonas verdes e unha área de xogo infantil, co obxectivo prioritario de recuperar o espírito orixinal da praza e o seu carácter como punto de encontro dos veciños e as veciñas. Así mesmo procedeuse á renovación dos aparcadoiros, do que limita coa rúa Mañón e do localizado ao carón da rúa Fene e acometéronse traballos de mellora dos servizos públicos que permitiron a renovación do alumeado público coa instalación de luminarias con tecnoloxía led, de maior eficiencia enerxética, e a substitución e reparación do mobiliario urbano”.

Por outra banda, o rexedor local avanzou que proximamente “comezará a primeira fase de mellora de conservación do pavimento nas zonas peonís, que cun orzamento de 18.150 euros, permitirá a aportación dun revestimento antiescorregadizo para aumentar a seguridade na zona e evita incidentes por mor da choiva o da xeada”.

0.18098616600037