As Pontes homenaxea a folga obreira do 75 cun mural histórico e un acto conmemorativo

A Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes organiza o vindeiro sábado 31 de maio ás 19:00 h, no Cine Alovi, un acto de homenaxe á histórica folga de 1975 mediante a inauguración dun mural conmemorativo do artista galego Yoseba Muruzábal (Yoseba MP).
O mural executarase entre o 20 e o 30 de maio, na rotonda da rúa Sergio Rivera Cao coa avenida de Galicia, representa a audaz acción dos sindicalistas José Luis Muruzábal Arlegui e Miguel Ángel Domínguez Bolaños, quen en agosto de 1975 subiron á cheminea da central térmica das Pontes como forma de protesta polo despedimento de máis de 1.200 traballadores das empresas auxiliares. A súa permanencia de 36 horas a máis de 300 metros de altura converteuse nun emblema da loita obreira en tempos de represión franquista.
Este acto enmárcase tamén no contexto do proceso de declaración da cheminea como Ben de Interese Cultural (BIC), un recoñecemento institucional que busca preservar este símbolo do patrimonio industrial galego. A súa protección legal reforzaría o valor da cheminea non só como testemuña arquitectónica, senón tamén como monumento humano dunha loita compartida.
Na homenaxe participarán protagonistas da acción, familiares, militantes históricos do movemento sindical e representantes culturais e institucionais.
Con este evento, a Plataforma reafirma a súa vontade de manter viva a memoria da solidariedade e da loita colectiva, reivindicando a cheminea como símbolo patrimonial, histórico e humano das Pontes.