As Pontes impulsa a separación de biorresiduos con dúas accións consecutivas

TerraChaXa
Un equipo percorrerá o municipio para facer entrega dos kits do residuo orgánico nos fogares e ofrecer explicacións prácticas sobre como separar correctamente a materia orgánica no ámbito doméstico
AS PONTES compostaxe
19 Feb 2026

O Concello das Pontes continúa a reforzar a campaña de impulso á recollida da fracción orgánica con dúas accións consecutivas que se desenvolverán a partir do 15 de marzo, co obxectivo de facilitar información directa á veciñanza e promover unha correcta separación dos biorresiduos.

A primeira das accións terá lugar o domingo 15 de marzo, coa instalación dun punto informativo na Feira das Pontes, a partir das 10:30 horas. Neste espazo, a cidadanía poderá resolver dúbidas, recibir asesoramento personalizado e coñecer de primeira man o funcionamento do contedor marrón e do sistema de compostaxe comunitaria.

Ao día seguinte, luns 16 de marzo, iniciarase un dispositivo informativo porta a porta. Un equipo percorrerá o municipio para facer entrega dos kits do residuo orgánico nos fogares e ofrecer explicacións prácticas sobre como separar correctamente a materia orgánica no ámbito doméstico. Esta acción permitirá achegar o servizo á veciñanza, facilitar o material necesario e reducir a presenza de impropios no contedor marrón.

Con estas iniciativas, o Concello das Pontes avanza cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible e de proximidade, baseado no aproveitamento da materia orgánica e na implicación activa da poboación.

Esta actuación conta co apoio da Xunta de Galicia e está financiada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, no marco do traballo impulsado polo Consorcio As Mariñas para promover un modelo de xestión sostible e eficiente.

⚙ Configurar cookies
0.078853130340576