As Pontes impulsa con tres mesas de traballo o plan de acción da Axenda Urbana
No marco da posta en marcha da Axenda Urbana que se está a desenvolver no Concello das Pontes, foron realizados 3 encontros participativos que contaron cunha ampla diversidade de axentes participantes, indo dende os representantes políticos do goberno municipal e doutras forzas políticas, grupos de investigación universitarios, representantes de empresas locais, organismos autonómicos e representantes de asociacións e clubes deportivos locais.
Elena López, como concelleira responsable da iniciativa destacou que “estas 3 sesións pretenderon divulgar este proceso de desenvolvemento da Axenda Urbana, dando a coñecer o concepto e, en especial, enriquecer o proceso de diagnose e propositivo. Por outra parte, serviron como espazo de debate e reflexión, recollendo, así, as aportacións e perspectivas das persoas participantes sobre os retos e as posibles solucións que entenden necesario incluír no Plan de Acción da Axenda Urbana poñendo as bases como a gobernanza desta estratexia”.
As sesións xiraron en torno aos obxectivos que se pretenden atender na mesma, sendo agrupados nas seguintes temáticas: Inclusión, Vivenda e Innovación Social e Dixital, Economía, Emprego e Transición Enerxética e Medio ambiente, Urbanismo e Territorio.
Estas 3 mesas foron celebradas os días 14 de xullo, o 21 de xullo e o 22 de xullo, respectivamente, na Casa Dopeso. Cabe destacar que este proxecto de planificación da Axenda Urbana establécese como unha oportunidade para o municipio para deseñar unha planificación que impulse o desenvolvemento sostible do municipio, permitindo unha mellora social, económica e medioambiental. Así, o Concello das Pontes foi unha das 121 administracións locais seleccionadas polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) para ser proxecto piloto no desenvolvemento deste plan de acción, o que lle permite establecerse como un municipio de referencia á vez que pode liderar un cambio de modelo máis sostible, respondendo ás súas problemáticas locais particulares.
Elena López destacou ao remate das sesións “o compromiso do goberno municipal en que o Plan de Acción da Axenda urbana sexa aprobado en pleno na primeira quincena do mes de setembro”, coa intención de que a súa implementación comece a ser desenvolta na última trimestre deste mesmo ano.