As Pontes impulsa un faladoiro sobre mocidade, sexualidade e pornografía dentro da campaña do 25N

O Concello das Pontes continúa coa súa programación de sensibilización con motivo do 25N a través da campaña Non as fagas invisibles. Afina a mirada, que inclúe diversas actividades para promover a igualdade e combater as violencias machistas. Entre elas destaca o faladoiro A mocidade está fatal: xuventude, sexualidade e pornografía, que terá lugar o xoves 13 de novembro ás 18.00 horas no Multiusos Casa Dopeso.
A sesión está dirixida especialmente a familias e busca ofrecer un espazo de reflexión sobre como acompañar á adolescencia desde a comprensión, o diálogo e unha educación afectivo-sexual baseada no respecto. O encontro pretende desmontar mitos e estereotipos arredor da sexualidade, así como analizar o impacto crecente da pornografía na construción das relacións e das masculinidades entre a mocidade.
O psicólogo e sexólogo Jesús Moreno, especialista en xénero e masculinidades e colaborador en espazos divulgativos como Obxectivo Igualdad de RTVE, será o encargado de conducir o faladoiro. Ao longo da sesión achegará ferramentas para escoitar, conversar e exercer un rol de referencia positiva que axude ás persoas adolescentes a atravesar esta etapa con liberdade, seguridade e respecto.
Desde o departamento de Igualdade subliñan que educar en igualdade tamén é afinar a mirada, e animan ás familias a participar nesta actividade. Para máis información está dispoñible o correo igualdade@aspontes.org.