As Pontes inaugura un xogo para sensibilizar sobre igualdade
O Concello das Pontes, que iniciou con motivo do 8 de marzo a campaña “Unha EXPERIENCIA de COIDADO, CORRESPÓNdeche escoller a túa”, para sensibilizar e dinamizar á poboación en materia de igualdade e visibilizar e poñer en valor o traballo de coidados, lanza hoxe “Descubre unha experiencia á túa medida”.
Trátase dun xogo interactivo dirixido a toda a veciñanza no que cada persoa participante pode poñer a proba o seu nivel de corresponsabilidade. A través dun sinxelo test poderán descubrir unha experiencia de coidado á súa medida. Experiencias que non deixarán indiferente a ninguén: emocionantes, retranqueiras, inspiradoras, e todas elas para compartir en familia.
Nun formato audiovisual animado preséntanse diferentes rutas que, se se practican, pódense vivir auténticas experiencias de coidado, pero todas elas, mellor se son compartidas. Tania Pardo, responsable da área de Igualdade do Concello das Pontes sinala que "aínda que esta actividade sexa nun formato de entretemento, a súa finalidade é motivar a corresponsabilidade familiar e concienciar sobre a necesidade de eliminar roles e estereotipos de xénero tradicionais que atribúen a mulleres e homes tarefas e funcións diferentes no ámbito familiar".
Ao remate do xogo, as persoas participantes tamén serán convidadas a participar no concurso #EnAsPontesCompartimosCoidados, aberto ata o 25 de maio. As persoas que participen no concurso entrarán nun sorteo de 8 vales valorados en 50 euros cada un para gastar no comercio local. As bases do concurso poden ser consultadas na páxina web.
Para participar no xogo “Descubre unha experiencia á túa medida”, pode accederse a través do enlace publicado en redes sociais e na páxina web https://form.typeform.com/c/r2oMXOPY.