As Pontes inaugurará o campo de céspede artificial do Poboado

TerraChaXa
O Concello das Pontes inaugurará o vindeiro domingo 17 de febreiro ás 12:00 horas, o campo de céspede artificial do Poboado coa disputa dun encontro de veteranos entre o Club Deportivo de La Coruña e o Real Celta de Vigo.
Campo céspede artificial Poboado
15 Feb 2019

O Concello das Pontes inaugurará o vindeiro domingo 17 de febreiro ás 12:00 horas, o campo de céspede artificial do Poboado coa disputa dun encontro de veteranos entre o Club Deportivo de La Coruña e o Real Celta de Vigo.

Trátase dun campo polivalente, realizado con cargo ó POS+ da Deputación da Coruña e cun orzamento que superou os 649.000 euros, a través do que o goberno local referenda o seu compromiso co deporte local e de base.

A nova infraestrutura deportiva está deseñada para ser utilizada tanto polos 200 nenos e nenas que integran o Club Deportivo As Pontes como para a práctica doutros deportes tales como o rugby, o tiro con arco ou o fútbol gaéligo.

As dimensións exteriores do céspede son de 111 por 71 metros, cunha superficie total de 7.881 metros cadrados, que permiten obter un campo de fútbol 11 (100×65 metros), un de rugby (95×65) e dous de fútbol 7 (65×44).

Conta cunha beirarrúa perimetral de formigón de 2 metros de ancho en tres dos lados, e de 3,5 metros no outro para permitir o paso da maquinaria necesaria para os labores de mantemento e coidado do campo, e así mesmo, dispón dos sistemas de saneamento, rego, alumeado e o equipamento preciso para a práctica deportiva que inclúe porterías, banderines, redes de protección e bancos.

Esta actuación, que foi posible grazas a sinatura do convenio entre Endesa e o Concello das Pontes, polo que as instalacións deportivas do Poboado das Veigas pasaban a ser propiedade municipal, enmárcase dentro do proxecto do goberno municipal para poñer en valor as instalacións deportivas da vila e favorecer a práctica deportiva entre a veciñanza, tendo como obxectivo prioritario albergar a maior cantidade de deportes posibles, permitindo practicalos en mellores condicións e reducindo os envites das condicións climatolóxicas sobre o terreo de xogo.

Neste mesmo acto, o goberno local renderalle homenaxe a Evaristo Puentes Durán, falecido fai cinco anos e que fora, durante máis de tres décadas, coidador das instalacións deportivas do Poboado, encargado do material do club de fútbol das Pontes e masaxista.

Jesús Tembrás, concelleiro de Deporte e Xuventude, apunta que: “A través desta homenaxe queremos recordar o compromiso, o traballo e a dedicación dunha persoa moi vencellada ó deporte local, en especial ó fútbol, e que tanto fixo polo mantemento dunhas instalacións das que, a partir do domingo, poderemos gozar todos os ponteses, completamente renovadas”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16340494155884