As Pontes inclúese no BTT Rally XCO que pecherá en Outeiro de Rei
A primavera e o arranque do verán volverán ser neste 2023 sinónimo de Cross Country Olímpicio (XCO) en Galicia. En pouco máis de tres meses e medio disputaranse na comunidade galega doce probas da especialidade olímpica do BTT. Un calendario, con Copa e Campionato, que visitará as catro provincias e ao que se suman dúas localidades nas que o ciclismo cotiza á alza: O Carballiño e As Pontes.
O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) presenta unha xornada máis respecto ao ano pasado. A primeira das once citas da Copa Galicia chegará o domingo 19 de marzo no X Trofeo BTT Rallie Cidade de Ferrol (Ferrol, C.C.), unha apertura que permitirá aos bikers calibrar o seu estado de forma antes de que a competición se lance definitivamente no mes seguinte. O bloque de tres eventos en abril compóñeno o III Trofeo XCO Concello do Porriño (Avanza, A.D.) do domingo 9, o VI XCO Caimanes de Betanzos (Caimanes Betanzos, C. BTT) do sábado 15 de abril e unha das novidades desta campaña como é a primeira edición da Copa XCO Concello do Carballiño, organizada polo Club Ciclista Carballiño o domingo 23 de abril.
En maio a actividade aínda vai ser maior, con xornada en todas as fins de semana. O domingo 7 celebrarase o 3 XCO Kiwi Atlántico (Ribadumia, C.C.), o sábado 13 o XXII Gran Premio Concello de Cambre de BTT (Cambre, C.C), da decana pasarase á estrea do XCO Vila de As Pontes (Terras do Eume, C.C.) o sábado 20 de maio e este mes tan intenso pecharase o sábado 27 de maio co II XCO Vila de Cuntis (Club de Montaña Xesteiras).
Tras a paréntese do arranque de xuño, a Copa afrontará o seu treito final con tres fins de semanas consecutivas de competición. O XCO Poio (Poio Bike, C.) retorna ao calendario o sábado 10 de xuño, o XaxanBike 23 (XSM, C.C.) exercerá de penúltima xornada o domingo 18 e a clausura vivirase o sábado 24 de xuño co XIV BTT de Maceda (Maceda, C.C.).
As inscricións en todas as probas serán de balde para as categorías Cadete e Júniors, mentres que o resto (Sub23, Elite e Máster 30-40-50-60) terán que abonar 10 euros.
Campionato
Unha vez conclúa a Copa, e na antesala do Campionato de España, as coroas galegas repartiranse o sábado 8 de xullo en territorio lucense. O Team Bike Outeiro de Rei encárgase este ano do Campionato de Galicia. O XCO Pena de Rodas, que no 2022 debutou na Copa, despedirá ao grande a temporada autonómica.