As Pontes incorpora unha rotonda entre a rúa Celso Emilio Ferreiro e avenida de Vilalba
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado polo concelleiro de Obras e Infraestruturas, Roberto Rivera, e o presidente da Asociación de Veciños de Pontoibo, Luis Ameneiro, visitaba as obras de instalación dunha rotonda na intersección entre a rúas Celso Emilio Ferreiro e Meidelo, e a Avenida de Vilalba.
O cruzamento entre estes vieiros trátase dun dos “puntos negros” da seguridade viaria pontesa, rexistrando varios accidentes de diversa gravidade; polo que esta obra vén a atender as demandas que os veciños e veciñas destas rúas viñan manifestando nos últimos tempos.
Segundo manifestaba o alcalde Valentín González Formoso, esta obra, que está sendo executada con cargo a fondos propios do Concello das Pontes, forma parte do compromiso adquirido polo equipo de goberno pontés cunha política de mellora de seguridade viaria e eliminación de puntos críticos existentes no termo municipal.
Coa instalación desta rotonda agárdase, por unha banda, cumprir con ese obxectivo, e tamén atender as demandas dos veciños e veciñas, mellorando tanto a súa seguridade, como a dos peóns e vehículos que transitan esas rúas.