As Pontes informou ás asociacións dos poboados sobre a ordenanza de accesibilidade
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado polos concelleiros Antonio Alonso e Ana Pena, mantivo, esta mañá, un encontro informativo cos representantes das asociacións de veciñais do poboados do Barreiro, A Fraga e A Magdalena, para darlles a coñecer a ordenanza que regularará a instalación de elementos de mellora da accesiblidade en solo público.
González Formoso sinalou a importancia desta ordenanza, xa que ”representa un hito para o noso Concello, en consonancia coa nosa aposta pola accesibilidade universal, con rúas sen pendentes nin escalóns, con anchos de beirarrúas de máis de 1,20 metros ou con pasos de peóns adaptados para as persoas con discapacidade visual. Esta ordenanza permítiranos dar resposta ás necesidades, en materia de accesibilidade, das 1.200 persoas que residen nos poboados da Fraga, O Barreiro e A Magdalena”
A ordenanza reguladora, que deberá ser aprobada polo pleno municipal, desenvolve a norma urbanística relativa á ocupación do dominio público necesario para a instalación de ascensores e oturos elementos que garantan a accesibilidade universal (ramplas, elementos mecánicos, etc) cando non resulte viable ningunha outra solución, quedando sempre asegurada a funcionalidade dos espazos libres, dotacións e outros elementos do dominio público.
Esta norma será de aplicación nos edificios e establecementos, tanto de uso público como privado, así como en edificios de vivendas plurifamiliares, sempre que e cando non sexa posible resolver a accesiblidade no seu interior ou a través do espazo exterior sen ocupar a vía pública.
Trala aprobación polo pleno municipal abrirase un prazo de información pública e audiencias ás persoas interesadas polo prazo de trinta días para a presentación de reclamacións e suxestións. Unha vez finalizado o prazo de alegacións e resoltas as mesmas, a ordenanza entrará en vigor tras a súa publicación no Bolentin Oficial da Provincia.