As Pontes inicia a redacción do seu plan de mobilidade urbana sostible

TerraChaXa
Concello das Pontes iniciou, fai uns días, a redacción do seu plan de mobilidade sostible co obxectivo de potenciar o transporte sostible.
pcus plan mobilidad urbana as pontes
9 Xuño 2021

O Concello das Pontes iniciou, fai uns días, a redacción do seu plan de mobilidade sostible co obxectivo de potenciar o transporte sostible e promover os desprazamentos eficientes no municipio.

A elaboración deste plan responde á necesidade de recuperar o espazo público para as persoas, tanto para desprazarse como para ser lugar de encontro e permite ao Concello continuar coa posta en marcha de actuacións de planificación da mobilidade da contorna urbana e rural dun xeito social e ambientalmente xusto e sostible, acorde coa axenda 2030 de Nacións Unidas e cos compromisos acadados a través do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. (PACES)

Antonio Alonso, concelleiro de Urbanismo destaca que “a redaccion deste plan reflicte o compromiso do Concello coa sustentabilidade económica, social e medio ambiental, apostando pola accesibilidade e a recuperación dos espazos para a veciñanza".

“O PMUS permitiranos estudar como se move a veciñanza nas Pontes para mellorar a forma de facelo, do xeito máis ordeado e óptimo posible. Así mesmo analizará formas de mobilidade futuras, dando prioridade ás alternativas de mobilidade sostible que redunden nuha mellor calidade de vida da veciñanza” engade o responsable de urbanismo.

O Plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análise da situación actual, fase tras a cal procederase á diagnose dos problemas concretos das Pontes en canto á mobilidade e uso do espazo público. Este proceso permitirá orientar a busca de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sustentabilidade.

Co obxectivo de coñecer as necesidades e a percepción que ten a poboación das Pontes sobre a mobilidade no municipio, desde hoxe, o Concello e o equipo redactor habilitan unha consulta dixital online sobre mobilidade, de carácter anónimo e que se poderá cubrir durante un mes. O cuestionario atópase aloxado na seguinte ligazón: www.plandemobilidade.com/aspontes

Dita consulta virá a sumarse aos encontros de participación cidadá, nos que a cidadanía en xeral e as entidades en particular poderán participar con previa inscrición. Debido á situación sociosanitaria, celebraranse en modalidade telemática.

Para a redacción deste plan, habilitouse a seguinte conta de correo electrónico mobilidadeaspontes@gmail.com e unha liña telefónica con whatsapp (604.025.160) a través das cales se poderán enviar suxestións e resolver calquera dúbida. Para completar o proceso de participación, tamén haberá entrevistas con axentes chave.

0.18974685668945