As Pontes inicia o luns unha semana de actividades musicais pola celebración de Santa Icía
As Pontes acollerá do 18 ao 24 de novembro unha ampla programación cultural para celebrar Santa Icía, patroa dos músicos. Organizada pola asociación Ruada, co patrocinio do Concello das Pontes e a colaboración de diversas entidades, a semana estará marcada por concertos, homenaxes e actividades que poñen en valor a música e a tradición local.
O programa arranca este luns, ás 16:00 h, con Os de Agora, con Música na xanela con A Xanela.
O martes, o auditorio municipal Alovi acollerá ás 19:00 horas o Rockservatorio, con grupos de rock do conservatorio.
O 21 de novembro (xoves) haberá dobre sesión musical. Ás 19:30 horas, Afecto y Desdén, un programa de Gemma Román, na Casa Dopeso; e ás 20:30, cantos de taberna con Os de Agora, que percorrerán Taberna de Pancho e o Bar Xardín.
Continuarán o venres co Festival Homenaxe ao 50º aniversario da Coral Endesa, ás 19:00 horas no auditorio Alovi, que contará coa participación de diferentes bandas e corais da vila. Esa noite, Os de Agora continuarán cos cantos de taberna por novos locais.
O sábado haberá concerto no Alovi ás 19:00 h con agrupacións locais como a Banda de Gaitas, a Escola de Acordeóns e a Escola de Pandeiretas e rematarán o domingo coa tradicional misa de Santa Icía na Igrexa de Ribadeume, seguida dunha ofrenda floral e unha actuación de Canaveilla.
Ademais, durante os eventos do venres e sábado no cine Alovi, habilitarase unha mesa de Cáritas para recoller donativos destinados aos afectados pola dana.